Galicia Ilusiona, o gran truco dos galegos Dani Polo e Pedro Bugarín
O pasado domingo as 18:30 daba comezo no Mar de Vigo a Gran Gala Internacional de Galicia Ilusiona, un festival de maxia e ilusionismo que leva percorrengo Galicia desde o mes de agosto. Detrás desta ambiciosa iniciativa atopamos a dous magos, novos e galegos, chamados Dani Polo e Pedro Bugarín.
Galicia Ilusiona, o primeiro gran festival de maxia de Galicia, leva percorrendo todo o territorio desde o mes de agosto. É non é un dicir: actividades en máis de cen concellos e galas nas sete cidades galegas demostran que o seu obxectivo de levar a maxia a todos os rincóns da nación ía totalmente en serio. Este sábado 15 en Santiago o festival poñerá punto (esperemos que seguido) a un evento ao que acudiron máis de 50.000 persoas ao longo de máis de dous meses.
Os artífices deste gran truco son galegos e sorprendentemente novos para levar adiante semellante tarefa. O melidense Dani Polo descubriu a maxia aos sete anos grazas ao xogo de mesa Magia Borrás: “Normalmente sempre acaba nun armario, pero a min gustáronme tanto os segredos que había naquela caixa que practicaba todos os días”, lembra. A partir de aí viñeron horas e horas de práctica e tres anos na escola de maxia do Mago Rafa, o que lle permitiu converterse nun dos grandes magos do Estado, como demostra o Premio Nacional de Maxia gañado en 2017. Pola súa parte, ao coruñés Pedro Bugarín a maxia xa lle viña de familia. Seu pai, gran aficionado a este tipo de trucos, regaloulle aos catro anos o libro co que el se adentrara neste mundo do ilusionismo, e Pedro foi descifrando as ilustracións (pois case non sabía ler) para aprender eses xogos con moedas e cartas. A piques de cumprir a maioría de idade decatouse de que a xente pagaba por ver o que facía sobre o escenario, polo que decidiu dedicarse de cheo á súa gran paixón.
O festival de futuros talentos Compostela Máxica en 2010 foi o punto de encontro destes dous magos galegos, que a partir de aí trabaron unha grande amizade e comezaron a idear proxectos conxuntos. O máis grande foi, sen dúbida, este Galicia Ilusiona, unha ambiciosa iniciativa que non foi nada fácil de levar a bo porto: “Propuxémoslles ao Xacobeo facer o festival de maxia máis grande que se tivese feito en Galicia, e tivemos a sorte de que decidiron apostar por nós”, comenta Bugarín. A partir de aí veu o difícil: decenas de reunións, chamadas a máis de 100 concellos, pedir permisos, viaxar dun lado aou outro… “Temos o teléfono a piques de estoupar, pero estamos moi orgullosos do que estamos a facer. Superou por moito as nosas expectativas”, admite o coruñés.
Non é para menos. Este domingo o auditorio Mar de Vigo colgou o cartel de “non quedan billetes”. Non é habitual que 1500 persoas acudan, pagando entrada, a un espectáculo de maxia. O elenco de artistas, de estilos do máis variopintos, estaba formado polo coreano Hyun Joon Kim, o estadounidense Jimmy Delp, o francés Arno, a china Huang Zheng e o propio Dani Polo representando a Galicia. Polo, que deixou abraiado ao público coa súas grandes ilusións, destaca a calorosa acollida do público vigués e destaca un momento da noite no que participou a súa irmá: “Ten 11 anos e é espectadora habitual dos meus espectáculos, pero sempre me reprocha que non a saco como voluntaria. Como era unha ocasión especial, co audiotrio cheo, quixen darlle unha sorpresa e facer con ela un truco moi especial”, explica o mago, que fixo levitar á súa irmá pequena ante o abraio dos asistentes.
Ambos magos confían na continuidade de Galicia Ilusiona para o ano que vén, e nese caso o propio Bugarín non descarta actuar nunha das grandes galas. Os dous eran coñecedores, tanto como organizadores como sobre o escenario, que a maxia goza dunha grande acollida en Galicia: “É unha das comunidades nas que a maxia é considerada arte escénaica, algo que non acontece en todas. Non sei se é polas meigas, pero a maxia aquí funciona moi ben, e ademais tivemos a sorte de que o tempo nos acompañou en todos os espectáculos que fixemos na rúa. Sabemos de xente que viaxaba doutros concellos para acudir ao festival, e tamén moitos turistas e peregrinos que se interesaron pola proposta”, apostila Bugarín. Un éxito sen trampa nin cartón.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024