REVISTA ABRIL

Galería de fotos: Roteiro polo Nadal vigués

Un mes despois do acendido das luces, o Nadal vigués está a dar que falar máis que nunca, tanto para ben como para mal. A ledicia dos visitantes (especialmente dos máis pequenos) contrapóñese coas continuas queixas da veciñanza da zona centro da cidade, que mesmo crearon unha plataforma para denunciar o exceso lumínico e acústico do Nadal máis famoso do Estado. Fotos: P. Vázquez

Comezamos o noso roteiro na rúa de Urzaiz e nos diriximos cara o centro da cidade. A pé, por suposto, pois o colapso do tráfico é o gran agasallo de Nadal á cidade. Atascos interminables, aparcamentos saturados, sinfonías de bucinas, coches estacionados en espazos inimaxinables como o túnel de Beiramar… Se o éxito dunha iniciativa se mide polo número de visitantes, o Nadal vigués é un éxito con maiúsculas. Iso si, o mellor consello para quen veña de fóra a ver as luces é aparcar lonxe do centro e agardar polo escaso transporte público (actualmente en folga), chamar un taxi ou ir andando.

Outra opción é subirse ao Nadal Bus (7€, 5€ con PassVigo) ou ao Tren do Nadal (5€), que ofrecen vantaxes coa PassVigo, aínda que tal e como está o tráfico tampouco semella a opción máis cómoda. Outro medio de transporte que podemos tomar é o Barco do Nadal, que nos ofrece un paseo pola ría nunha embarcación decorada para a ocasión. A primeira atracción que atopamos ao noso paso é o agasallo xigante sito no cruce entre Gran Vía, Urzaiz e Lepanto, que xa repite desde hai uns anos. Os redeiros de Ramón Conde tamén lucen brillantes, malia que a un deles lle ataron un cable ao pescozo. Váiselle facer costa arriba este mes de traballo.

Un pouco máis abaixo está a bola xigante, tamén coñecida como a Estrela da Morte pola súa similitude coa nave de Star Wars, que repite localización respecto a anos anteriores. Cruzamos o seu interior para adentrarnos en Príncipe, unha das rúas onde máis decoración se acumula por metro cadrado. Tamén é habitual que haxa músicos tocando na rúa para amenizar o paseo, e nós tivemos a sorte de cruzarnos co grupo coruñés Escuchando Elefantes.

Ao chegar ao final da rúa alcanzamos a zona cero, tanto de Vigo como do Nadal. A Porta do Sol, peonil desde hai uns meses, acolle un carrusel (3€ a viaxe) e unha cada vez máis alta árbore de Nadal (35,5 metros), este ano plantada na zona máis elevada da praza. O seu interior é un dos puntos máis transitados da cidade ao longo destes meses.

A outra rúa repleta de leds é a recta que forman Policarpo Sanz e García Barbón. Ao longo de medio quilómetro atopamos todo tipo de figuras e estructuras natalicias cheas de luz: carruaxes, renos, estrelas, arcos, globos aerostáticos, osos de peluche xigantes, a cabaña de Papá Noel… e rematamos co boneco de neve xigante, que cada ano cambia de localización.

Se baixamos pola rúa Colón non pasará desapercibida unha enorme roda de luz de 54 metros de altura. Non é o ollo de Sauron, é a famosa nora do Nadal vigués, que repite emprazamento por terceiro ano (no 2020 non houbo por mor da pandemia). O prezo xeral é de 5€, cun desconto de 1€ para as persoas posuidoras da tarxeta PassVigo, que terán acceso prioritario á atracción. Rúa arriba atopamos outra das grandes estructuras destes meses, a natalicia montaña rusa “Súper Ratón El Más Vacilón”, asentada no Areal.

REVISTA ABRIL

O xa mentado Cíes Market é outra das zonas máis transitadas nestas datas. Notaremos unha novidade respecto ao ano pasado: a ausencia dos postos de Ofeitoaman, a feira de artesanía galega que levaba 37 anos seguidos celebrándose en Vigo. Outra ausencia é a da iluminación na gran araucaria da Alameda, que o pasado Nadal mantivo os leds pendurados das pólas ata o mes de maio deste ano. Esteticamente a praza de Compostela luce fermosa coas casetas e o alumeado en forma de ceo estrelado, aínda que o mercado daña de forma notable unha das poucas zonas verdes do centro.

Outra das zonas verdes estragadas é a praza de Portugal, que este ano alberga por primeira vez unha pista de patinaxe sobre xeo (outra máis, pois xa hai unha en Samil e outra no Náutico), cun prezo de 5€. Ni aparcadoiro á beira da praia máis famosa de Vigo atopamos tamén un circuíto de karts (catro voltas 5€), da mesma forma que no Pasea das Avenidas colocaron un posto de coches de choque (4€) e unha tirolina (4€). Fóra do centro, en Coia hai instaladas varias atraccións, como a exposición interactiva La gran aventura del cuerpo humano (9€) e o parque de hinchables Big Jump Park (5€). No Calvario hai numerosas casetas de artesanía e comida, ademais dalgunha atracción para cativos. En Bouzas, a Asociación Vila de Bouzas organiza por cuarto ano un concurso de decoración de balcóns e escaparates para os veciños da zona.

Se o día non acompaña e preferimos estar baixo teito, podemos visitar o belén da Casa das Artes ou o tradicional concurso de beléns de Afundación, situado a escasos metros. Ou ir a un concerto, ao teatro ou a calquera das numerosas actividades que se suceden día tras día na nosa cidade.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.