VIALIA
GIRANDO POR SALAS

Froitas Xeitosiña, tradición e frescura

As reixas dos postos do mercado teñen bastantes similitudes coas dos famosos garaxes nos que, contan, comezaron algunhas das big tech estadounidenses máis famosas. Unha desas reixas, a do posto número 10 do Centro Comercial 3 Praza América, levantárona cada día durante máis de dúas décadas Manuela e Manolo para ofreceren á veciñanza das Travesas froitas e verduras frescas. Hoxe Froitas Xeitosiña ocupa tres postos no mesmo mercado e está liderada por Begoña e Paco, herdeiros do espírito emprendedor dos pais deste.

A clave do éxito de Froitas Xeitosiña reside na súa atención personalizada. Do mesmo xeito que outrora facían os pais, son eles os que seleccionan, manipulan e serven o produto, ademais de ofreceren un asesoramento próximo e profesional a cada cliente. A tradición pálpase no trato, xa que aquí moitos veciños son recibidos polo seu nome, sábenlles os seus gustos e circunstancias e créanse vínculos que van máis aló da simple transacción comercial. Begoña e Paco coñecen as mazás que lle gustan a esta, gardan a presa de grelos que sempre quere levar aquel e acertan no punto do aguacate para a neta daqueloutro cliente.

Conscientes das demandas actuais, Froitas Xeitosiña soubo expandir os seus horizontes incorporando as novas tecnoloxías. Na pandemia decidiron chegar alén do barrio das Travesas abrindo unha tenda en liña, que permite realizar pedidos de forma cómoda e sinxela e recibir no domicilio a mesma froita e verdura frescas que ofrecen no local. Para quen prefire unha atención máis humana ou ten algunha dúbida, o pedido telefónico segue sendo unha opción. Os encargos sérvense no día seguinte, no horario acordado, e a repartición é gratuíta a partir de 35 euros de compra. Quen prefira recoller a encarga, terá trinta minutos de aparcadoiro gratuíto.

A variedade é outro dos piares de Froitas Xeitosiña. Traballan con produtores galegos, algúns deles de agricultura ecolóxica, pero tamén ofrecen froitas tropicais como o mango ou a papaia, mazás do Pireneo e hortalizas de Andalucía. O catálogo complétase con legumes, froitos secos e deshidratados, e mesmo outros produtos como ovos e mel galegos.Con máis de corenta anos de experiencia, Froitas Xeitosiña representa a evolución do comercio de barrio: un negocio tradicional e familiar que, mantendo a calidade do produto e a proximidade no trato, soubo adaptarse para facerlle a compra máis fácil e agradable á súa esixente clientela. E sen perder a frescura.

Centro Comercial 3 Praza América (Rúa da Coruña, 1) | @froitasxeitosina | 986 20 11 25

REVISTA ABRIL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.