CAMELIAS MASCOTAS

A fortuna de Pedro Vindel

Acotío acontecen feitos marabillosos pero non tódolos días se producen sucesos que mudarán a historia tal e como a coñecemos. Grazas a dose xusta de intuición, paixón e, porque non, un pouquiño de azar, efectúase en 1914 un dos achados máis importantes da cultura galega: O Pergamiño Vindel.

 

Nalgúns dos grandes inventos científicos ou descubrimentos, o azar foi un factor de vital importancia; na Penicilina de Fleming, nos Raios X de Röntgen ou, como neste caso, na aparición do denominado Pergamiño Vindel, chamado así polo seu descubridor. O libreiro Pedro Vindel atopa este manuscrito datado entre o Século XIII e o XIV, na súa libraría no ano 1914 dentro da obra ‘De officis’ de Cicerón. Durante máis de cincocentos anos, este manuscrito é, xunto coas sete cantigas de Don Dinís, a única mostra da denominada canción profana galego-portuguesa.

Pedro Vindel, nado no ano 1865, vaise sendo un neno da súa Cuenca natal e instálase en Madrid, alí aprende a ler a idade de dez anos. De orixe humilde, convértese nun dos libreiros máis afamados da época grazas a súa perspicacia e talento. Pedro pasa aos anais da historia non só por atopar este documento, senón tamén pola súa labor de eruditaxe.

O Pergamiño Vindel está composto por sete poemas postos na boca dunha muller, acompañados seis deles con notación musical. Firmada polo trobador Martín Códax é un dos primeiros textos atopados escritos na lingua Galega-Portuguesa e o único de carácter musicado. De excepcional riqueza poética e musical e dunha grandísima fermosura, é un texto de referencia para a cultura europea.

REVISTA NOVEMBRO

As cantigas de amigo son composicións poéticas creadas polos trobadores destinadas a ser cantadas. Nelas aparece unha muller que pena polo amado ausente. Fermosísimas verbas de amor e nostalxia, de desasosego e romanticismo, de espera e de desesperanza. Na Idade Media, o verdadeiro amor, era aquel que causaba sufrimento. Canto máis intensa era a dor, maior era o namoramento.

A Penélope viguesa, situada nalgún fermoso lugar da cidade olívica, clama as Ondas do mar de Vigo se virá seu amigo. Tan sóla, tan enamorada e ninguén consigo, salvo en compañía dos seus ollos que choran pola ausencia do amado. Esta composición describe sentimentos atemporais de amor e mancanza, emocións tan antigas como a propia humanidade.

Moitos centos de anos despois, o pergamiño regresa a casa temporalmente. Comprada nos anos setenta pola Morgan library de Nueva York, está alí dende aquela. Grazas a asociación cultural Pertenza e a Universidade de Vigo, temos a sorte de poder gozala gratuitamente no Museo de Mar de Vigo, ata o mes de Marzo, onde aparecerá exposta para todos aqueles que queiran visítala. Este acontecemento é una cita obrigada na oferta cultural viguesa e permite achegarse ó texto de maior relevancia en galego.

(GMT+01:00) Museo do Mar

The following two tabs change content below.

Erín López

Nada en Madrid e criada na cidade de Vigo, é Licenciada en Filoloxia pola Universidade de Vigo. Devoradora de libros, amante da poesía e especialista en literatura feminina. Completou os seus estudos con diversas viaxes e estadíos en diferentes cidades de España e Europa.