Fogos de Bouzas, cinema na rúa e Coral Casablanca esta fin de semana en Vigo
Superado o ecuador de xullo, continuamos cunha ampla e variada programación tanto en Vigo como noutros lugares da contorna. Esta fin de semana temos festas populares, cinema mudo musicalizado en directo, cinema na rúa, concertos de diferentes estilos e monólogos, entre outras moitas cousas. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.
FESTAS DE BOUZAS – De xoves a martes en Bouzas – De balde
Do xoves 18 ao martes 23 celébranse en Bouzas as súas populares festas en honra ao Santísimo Cristo do Aflixidos, que teñen o seu evento principal o domingo á noite co lanzamento dos tradicionais fogos. O Celta, que fixo cen anos o pasado ano, estará moi presente na celebráción, tanto no pregón (realizado por Iago Aspas e a presidenta Marian Mouriño) como no amentado espectáculo pirotécnico.
XORNADAS DE CINE MUDO E MÚSICA – Xoves e venres na Fundación Sales – Desde 11,00€
Caspervek, formación viguesa dedicada á musicalización de cinema mudo en vivo, celebra os próximos días 17,18 e 19 de xullo na Fundación Sales as súas segundas xornadas de cinema mudo e música. O xoves é a quenda de Amanecer + A Corner in Wheat e o venres Sete ocasións + filme a elixir polo público.
FESTA DA CULTURA – Venres e sábado na Porta do Sol – De balde
Chega a cita anual da Festa da Cultura na Porta do Sol. Será nos días 19 e 20 de xullo cando os vigueses poderán desfrutar deste evento con 22 actuacións musicais. No mes de setembro levaranse a cabo unhas xornadas similares dedicadas ao teatro.
CINE DE BARRIO: ‘MATRIA’ – Venres ás 21:00 no Solar da Pomba – De balde
Este venres no Canellón da Pomba volve o cine de barrio! Nesta ocasión proxectarase o galardoado filme galego Matria. Ademais, o director Álvaro Gago estará presente para conversar sobre a peli e o que xurda. Haberá flocos de millo para as persoas asistentes e limoada caseira! Recoméndase que cada persoa leve a súa propia cadeira.
TERRACEO: LUIS ZAHERA E OSWALDO DIGÓN – Venres ás 21:30 no Mar de Vigo – Desde 22,00€
Dous dos cómicos máis importantes de Galicia encherán de risos a terraza do auditorio Mar de Vigo co seu espectáculo do venres.
MAR DE BLUES – Venres e sábado na Guarda – De balde
A guardesa Praza do Reló acollerá outro ano máis dous días de blues, nun festival gratuíto no que actúan artistas como Dorrey Lin Lyles & Marcos Coll Band, Minnemann Blues Band ou Little Orange.
CANDLELIGHT: HANS ZIMMER E COLDPLAY – Sábado ás 20:00 e 22:00 na Sede do RC Celta – Desde 17,00€
O Salón Rexio da Sede do RC Celta acolle este sábado dobre sesión de Candlelight, a famosa proposta de concertos que consiste na actuación de pequenas agrupacións de corda á luz das candeas interpretando temas de artistas famosos. Nesta ocasión ás 20:00 o cuarteto de cordas Ensemble Helenes interpretará algunhas das bandas sonoras máis coñecidas de Hans Zimmer e, ás 22:00, fará o propio coa discografía da banda británica Coldplay.
TERRACEO: JOSÉ JAMES – Sábado ás 21:00 – Desde 22,00€
José James é un vocalista americano de jazz e soul. James actúa en todo o mundo como solista líder e con outros grupos. Defíneselle como un cantante de jazz para a xeración do hip-hop. James combina o jazz, o soul, o drum’n’bass e spoken word na súa maneira propia de interpretar o xénero. Aínda que recoñece como influencias principais aos músicos John Coltrane, Marvin Gaye e Billie Holiday, o son en vivo dos seus primeiros tempos lembraba ao de iconas do jazz-soul dos anos 70 como Terry Callier e a súa música parecía tamén unha actualización do estilo crossover de Gil Scott-Heron; sen por iso perder personalidade.
CORAL CASABLANCA – Sábado ás 22:00 en Castrelos – De balde
A Coral Casablanca realizará a súa xa tradicional actuación en Castrelos este sábado ás 22:00. A diferenza do resto de concertos no auditorio vigués, este é de acceso gratuíto tamén á zona do foso.
ALFÉIZAR – Domingo ás 12:30 no Lar das Artes – De balde
O irreverente dúo vigués, máximos expoñentes da lírica comarcal, realizarán unha das súas particulares actuacións na terraza do Lar das Artes, en Matamá. Non faltarán os seus temas máis coñecidos como ‘La guarida del amor’ , ‘Tattú’ ou o mítico ‘Culo manchado de caca’.