CAMELIAS MASCOTAS

Fin da ruta: estas son As ArtistAs de Davida na zona de Balaídos

Chegamos ao final do camiño desta #RutaDasArtistas na zona de Balaídos. As catro ilustracións creadas por Davida nesta ocasión pertencen á Silvia Penas, Marina Carpente, María Jorge e Claudia Abril, estas tres últimas pertencentes ao cuarteto folk Dadga. No caso dos debuxos situados en La Kabaña, estarán expostos no escaparate do local.

SILVIA PENAS – Avenida Alcalde Portanet 22

Poeta. Licenciada en Filoloxía Galega, especialista en Literatura. Colabora como docente do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo na área de spoken word, dada a súa traxectoria na poesía escénica. Como poeta foi galardoada en diversos certames como o premio de poesía da Universidade de Vigo 2005, o premio Victoriano Taibo 2009 ou o certame Manuel Lueiro Rey de poesía no 2013. Nese mesmo ano publícanse As xeórxicas do pan, de Otero Pedrayo, do cal foi editora. En 2019 publica Fronteira Paraíso, e ademais lánzase o disco homónimo da formación Cintaadhesiva, proxecto do cal é cocreadora.

MARINA CARPENTE – La Kabaña (Rúa Manuel de Castro,19)

Violín. Comezou os seus estudos musicais no conservatorio, con formación clásica. Na actualidade, continúa a súa formación folk na ETRAD de Vigo. Participa habitualmente en masterclasses con figuras do fiddle e folk internacional coma Alasdair Fraser, Natalie Haas ou Cassey Driesen. Integrante da Orquesta Folk Sondeseu. Tamén forma parte de Dadga un cuarteto de música folk cuxo repertorio está formado tanto por temas propios como por temas tradicionais galegos, irlandeses, escoceses ou americanos. Teñen unha sólida base musical que bebe, entre outras fontes, da música Folk, Jazz/Blues ou Clásica.

MARÍA JORGE – La Kabaña (Rúa Manuel de Castro,19)

Violín. Cursou estudos de violín folk na ETRAD .Cursa o Grao Superior de Pedagoxía Musical no CSM de Vigo. Durante a súa carreira participou en diversas formacións como Keltia, O Musical ou Dadga. Actualmente, é violinista na Orquestra Folk SondeSeu, no trío Caldo, fundado en 2018 xunto a Pedro Fariñas e no Xisco Feijoo Trío.

CLAUDIA ABRIL – A Artesa de Bea (Rúa Manolo Martínez, 3)

REVISTA NOVEMBRO

Voz solista, percusión e violín. A súa andaina na música folk comezou no Sierra Fiddle Camp de California, cursou estudos de violín folk na ETRAD onde, actualmente, fórmase en canto e pandeireta. Estuda, ademais, o Grao en Música da Universidade de la Rioja (UNIR). Ten colaborado como cantante en varias xiras internacionais (Escocia, China, Costa Rica ou México) do violinista galego Alfonso Franco e da Galicia Fiddle Orquestra.


Cada semana subiremos unha serie de pistas para que atopedes ás ArtistAs de cada barrio. As primeiras persoas en atopar e fotografar todas as obras recibirán unha copia do libro ArtistAs asinado por Davida. Quen saque fotos ás Artistas dun só barrio, entrará no sorteo do mesmo libro. E, por último, quen sexa o primeiro en sacar unha foto de calquera das obras gañará unha lámina do debuxo en cuestión desta singular exposición. Ao subir a foto a Instagram ou Facebook tedes que poñer o hashtag #ARutaDasArtistas e etiquetarnos a Davida (@davidavgo) e a nós (@amovidavigo).

Consulta aquí as do barrio Casablanca.
Aquí as do Casco Vello.
Aquí as de Bouzas.
Aquí as de Travesas e Florida.
E aquí as do Progreso.