REVISTA ABRIL

Estas son As ArtistAs de Davida no barrio do Progreso

Pouco a pouco imos chegando ao final desta Ruta das Artistas 2.0 que nos propón o ilustrador David Amoedo, Davida. Nesta ocasión daremos unha pequena volta polo céntrico barrio do Progreso para atopar ás tres mulleres agochadas nos locais desta zona que, por certo, forman o grupo Son Trío: Su Garrido, Katerina Linke e Susanna Blanco.

SU GARRIDO – Máis Palá (Rúa de Manuel Núñez, 18)

Su Garrido é unha compositora e cantante viguesa que, tras estudar guitarra no conservatorio, comeza a súa traxectoria en 1999 no grupo folk Lembranzas Galegas. En 2003 forma o grupo Sonhos, co que lanza o seu primeiro traballo no 2010. En 2012 múdase a Dublín e alí comeza a súa carreira en solitario. Á volta formou proxectos musicais como Treme, con Margarida Mariño, ou Son Trío, con Katerina Linke e Susanna Blanco. Ao longo de todos estes anos ten actuado en países como Canadá, Inglaterra, Irlanda, México, Países Baixos, Francia, Brasil ou Portugal. Se queres coñecer máis sobre ela, preme aquí para ler a entrevista que lle fixemos na nosa revista de marzo como Viguesa do Mes.

KATERINA LINKE – La Victoriana ( Calle Doctor Cadaval, 30)

Katerina Linke, nacida en Rusia, viviu e traballou en diferentes cidades e países como Rusia
(Kazán, San Petersburgo, entre outras), Xapón ou Portugal. Desde 2009 vive en Galicia, Vigo, onde desenvolve a súa actividade artística. A súa música baseada na tradición europea clásica navega entre os estilos impresionismo tardío, jazz e minimalismo. Compón cancións, música de cámara, música para piano, orquestra, etc. Katerina colaborou en numerosas curtametraxes, animacións e proxectos audiovisuais, completando a linguaxe cinematográfica coa súa música. Como pianista Katerina interpreta nos recitais as súas propias composicións, música de cine, ou arranxos de cancións. Tamén ten ampla experiencia en música de cámara con instrumentos de corda e vento. En 2016 editou o libro de partituras Melodías en blanco y negro. En 2017 Katerina formou un grupo Son Trío, que interpreta cancións coas letras de poetas galegos e a súa música orixinal. Podes ler aquí a entrevista que lle fixemos para a revista de maio do 2019.

SUSANNA BLANCO – La Galería Jazz (Rúa da Ronda de Don Bosco, 21)

REVISTA ABRIL

A súa infancia transcorre xogando entre lápices, madeira e arxila no obradoiro de escultura de seu pai. Alí, a banda sonora era un incombustible equipo de música que acompañaba as horas mentres o vía traballar. Inqueda, con 5 anos comeza a experimentar coa música, e dende os 8, o violonchelo convértese no seu eterno compañeiro. Viaxa con el por Europa actuando en fermosos auditorios coma o Palacio Esterhazy de Viena ou o Palazzo Ducale de Xénova. Na Atenas de Galicia iníciase no acompañamento de recitais de poesía e dende o ano 2010 acompaña á poeta Carmen Kruckenberg até as súas derradeiras aparicións públicas. Músicas para cinema, colaboracións con cantautores/as, grupos de folk, e unha morea de experiencias musicais enchen unha bolsa que, como a de Mary Poppins, parece non ter fin. O violoncello coma unha voz que fala sen verbas, sen artificios nin pretensións, soando sempre dende o fondo do corazón.


Cada semana subiremos unha serie de pistas para que atopedes ás ArtistAs de cada barrio. As primeiras persoas en atopar e fotografar todas as obras recibirán unha copia do libro ArtistAs asinado por Davida. Quen saque fotos ás Artistas dun só barrio, entrará no sorteo do mesmo libro. E, por último, quen sexa o primeiro en sacar unha foto de calquera das obras gañará unha lámina do debuxo en cuestión desta singular exposición. Ao subir a foto a Instagram ou Facebook tedes que poñer o hashtag #ARutaDasArtistas e etiquetarnos a Davida (@davidavgo) e a nós (@amovidavigo).

Consulta aquí as do barrio Casablanca.
Aquí as do Casco Vello.
Aquí as de Bouzas.
E aquí as de Travesas e Florida.