Fillas de Cassandra, entre o máis destacado do 2024 segundo os xestores culturais galegos
Esta semana publicouse un informe do Observatorio da Cultura Galega, realizado grazas aos votos de numerosos profesionais do sector, que destaca algunhas propostas culturais galegas do ano 2024. O Son do Camiño, de creación viguesa, e o dúo local Fillas de Cassandra ocupan a primeira e cuarta posición, respectivamente. Preme aquí para consultar o documento completo.

O informe de traballo do Observatorio da Cultura de Galicia recolle os principais eventos, accións culturais, persoas e entidades máis relevantes da cultura galega ao longo de 2024, segundo o criterio dos seus responsables, e dá continuidade ao publicado o ano anterior. Nesta edición recompílanse os fitos máis destacados do ámbito cultural con base nas opinións das persoas directivas e dos profesionais das entidades culturais, servindo como un avance dos resultados da próxima entrega do Barómetro da Cultura Galega.
Esta iniciativa, promovida polo Consello da Cultura Galega desde 2020, realízase anualmente como unha diagnose avaliativa que, a partir de datos enquisados, permite analizar a situación, evolución, retos, fortalezas e perspectivas do sector cultural galego. Nesta edición procesáronse 872 cuestionarios, recollidos entre o 20 de xaneiro e o 20 de febreiro.

En primeiro lugar atopamos O Son do Camiño, festival organizado polas empresas Bring the Noise e a viguesa Esmerarte. O macrofestival compostelán foi o sinalado como un dos máis relevantes de Galicia durante 2024 polo 12,5% polas persoas enquisadas (2,1 puntos porcentuais máis que en 2023) e que supera en case sete puntos á segunda categoría máis citada. A prata é para Manuel Rivas, que este ano sumou un novo galardón ao seu extenso palmarés como escritor: o Premio Nacional de las Letras. A Feira das Industrias Culturais, Culturgal, completa o podio cun 4,7%.
O éxito imparable do dúo vigués Fillas de Cassandra non pasou desapercibido para os expertos culturais, que as colocan en cuarta posición. Hai tres anos daban o seu primeiro concerto na sala Kominsky e hai menos dunha semana enchían de xente a Porta do Sol, un dos recintos máis grandes da cidade. Deste xeito actuaban, por fin, nun espazo público de Vigo, tras facelo en numerosas prazas de toda Galicia. As outras dúas mencións que máis destacan no listado son o Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta (4,1%) e as Tanxugueiras (4%).

Outros eventos, accións ou persoeiros vigueses e dos arredores que aparecen no informe son o Festival PortAmérica (1,6%, tamén de Esmerarte), Festival de Cans (1,3%), Carlos Núñez (1,3%), o himno do centenario do Celta ‘Oliveira dos Cen Anos’ de C. Tangana (1%), Festival Sinsal (1%), Ledicia Costas (1%), o filme Matria de Álvaro Gago (0,8%), Hematofesti (0,8%) e Pedro Feijoo (0,5%).




Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Fillas de Cassandra, entre o máis destacado do 2024 segundo os xestores culturais galegos - 5 Marzo, 2025
- MUTA, un espazo mutante para todo tipo de eventos no corazón de Vigo - 28 Febreiro, 2025
- EmigraSON: o mellor festival galego celébrase en Bruxelas - 24 Febreiro, 2025
- O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas - 14 Febreiro, 2025
- Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia - 4 Febreiro, 2025