Festival contra a pobreza este venres no bar ConXeito
A Acampada contra a Pobreza en colaboración con varios artistas de Vigo organizan un festival solidario no que haberá música, danza e teatro. A cita terá lugar no bar ConXeito (Casco Vello), este venres a partir das 20:30 horas.
O obxectivo deste evento é visibilizar a situación que viven as persoas sen teito na cidade de Vigo e recadar fondos para a acampada. Malia a todo, o espectáculo é gratuíto. Haberá un bote para que quen queira de a súa achega. Marcia Vázquez, compoñente do colectivo 85C e unha das organizadoras de este evento, sinala que “a iniciativa xurdiu de forma totalmente altruísta e os artistas que colaboran o fan porque están sensibilizados con este tema”.
Levan organizando este tipo de encontros dende fai 6 meses e a artista viguesa admite que ao principio custou arrincar pero cada vez chegan a máis e máis xente. “O pasado 19 de xaneiro no Café UF houbo xente que tivo que quedar fóra porque enchemos o aforo”, explica.
As actuacións
Os artistas que participan van rotando en cada ocasión. Este venres o prato forte chega coa actuación de Tony Lomba. O transgresor artista vigués, no candeeiro tras saír en ‘El Intermedio’ pola canción que lle dedicou a Abel Caballero, de ben seguro provocará a gargallada do público asistente. No ámbito musical tamén intervirán os cantautores Nico Doldán e Peixe Damian. O ruído chegará con Gabi Vacaloura do grupo ‘Os Vacalouras’ e Luadsant porá ritmo soul a noite. Tamén participará no evento o colectivo de mulleres 85C, que nesta ocasión estará representado pola poeta Nuria Vil, o reggae de High Paw e a danza de Marcia Vázquez e Eva Comesaña. Pechará o festival Rosa Vázquez cun monólogo teatral. O espectáculo, que terá unha duración aproximada de tres horas, fusiona distintas artes para chegar ao maior número de persoas posible.
A denuncia
Dende Acampada contra a pobreza piden a Concello e Xunta unha solución para que deixe de haber persoas durmindo na rúa en Vigo. Denuncian que o albergue municipal de 78 prazas é insuficiente para as 400 persoas que viven nesta situación na cidade. Sinalan que presentaron a ambas administracións un informe no que contemplan varias medidas de axuda e que non recibiron resposta de ningunha delas.