VIALIA
bannerPicnicSesions

Estes son todos os galardoados dos 21º Premios Maketón

O pasado venres 17 celebrouse en Radar Estudios a 21ª gala dos Premios Maketón, onde se recoñecen os mellores traballos e artistas do eido local neste 2021. O evento contou coas actuacións de Dirty Suc primeiro e despois de Pablo Lesuit.

Foto con algúns dos premiados da noite | Cadena Ser

Os Grammy vigueses volveron celebrarse presencialmente o pasado venres en Radar Estudios, despois de que o pasado ano a gala se emitise en directo desde a Sala Ártika a porta pechada. Dirty Suc, músico urbano vigués afincado en Madrid, foi o encargado de abrir o evento, onde presentou o seu último traballo Morriña.

REVISTA ABRIL

Tras baixar do escenario deu comezo a entrega de premios, e os primeiros en levantalo foron Zalomon Grass pola calidade e potencia do seu directo. Lembremos que se trata dun power trío formado en plena pandemia, unha etapa realmente complicada para a música en directo. Dani Villa e Rodri Vegas foron recoñecidos como mellores produtores polo seu traballo desde Bunker Estudios, onde crean música de baile en castelán que ten moito éxito máis aló das nosas fronteiras.

Dirty Suc volveu subir ao escenario para recoller o galardón de Mellor disco por Morriña, editado por Overdose Records, un traballo que o sitúa como unhas das figuras a ter en conta dentro do panorama urbano estatal. No referente a disco autoeditado, Ari Magritte levou o trofeo a casa grazas ao seu Oráculo, un delicado traballo de folk cunha edición física do máis coidada. O mellor videoclip foi para ‘Sublime’ de Sen Senra, peza dirixida por Pedro Artola, novísimo pero xa relevante director asturiano.

Por último, o recoñecemento á traxectoria musical foi para Alberto Cunha, músico, cantante e showman cunha extensa carreira ás costas. Alberto, xunto co seu rimán Andrés, actuará este 23 de decembro en La Fábrica de Chocolate, por se alguén quere felicitalo en persoa. Para pechar a gala o artista Pablo Lesuit subiu ao escenario de Radar en formato trío para facer bailar aos alí presentes.