CAMELIAS MASCOTAS

Estas son As ArtistAs situadas no barrio Casablanca

Como anunciamos o pasado luns, Davida volveu á rúa para dar comezo a esta segunda #RutaDasArtistas. Nesta ocasión comezamos polo céntrico barrio de Casablanca, onde puidemos atopar, xa sexa nunha parede ou nunha lámina, as ilustración que realizou de Clara Ferrao, Constance Hurlé e Adelfas. Lembra que atopalas ten premio!

CLARA FERRAO – Garaje Casablanca (R/ Venezuela 82)

Clara Ferrao volveu a Galicia tras estudar Nutrición e Dietética, Danza Contemporánea e traballar como administrativa en Madrid. Na actualidade colabora con diferentes grupos e compañías de danza e baile, como Maximiliano Sanford, ademais de ser profesora de baile e actuar tamén en solitario. Esta é a súa segunda vez retratada nesta particular ruta, xa que hai dous anos foi inmortalizada na rúa Zaragoza bailando coa súa compañeira Nuria Sotelo interpretando nun salón de peiteado a peza Ensaio Amor: «Que Davida e o Festival Nun Local decidiran facer isto pola súa conta paréceme tan arriscado como bonito. Faime moita ilusión que se escollese un momento desta peza tan importante para min».

CONSTANCE HURLÉ – Rosa Negra (R/ Ecuador 93)

Artista multidisciplinar. Licenciada en filoloxía clásica pola Universidade de Santiago de Compostela e titulada no mestrado en estudos do teatro pola Universidade Autónoma de Barcelona. Formouse, tamén, en teatro e danza. No 2013, dirixiu o grupo de teatro universitario Espíritu Áspero coa produción de Nefelococigia. Estrea o seu primeiro proxecto poético-musical, A mazá de Rosalía, no 2016. No 2017, publica o seu primeiro poemario b/i/c//m.o.r.d.i.d.o. coa editorial Carena e preséntao coa performance bic in progre[s] acompañada polo guitarrista e compositor Rui Grenha. No 2018, preséntase en solitario como performer e participa no Festival Keruoac e no FNL en Vigo. Colaborou e colabora en distintos proxectos como actriz, poeta e performer, entre os que destaca Sinerxias, grupo de improvisación artística interdisciplinaria. Na actualidade, dirixe o novo proxecto poético- musical hacialaluz: poesía, sonido, imagen.

REVISTA NOVEMBRO

ADELFAS – Verde Mostaza (R/ Paraguai 6)

Adelfas inspírase no disco Omega de Enrique Morente e Lagartija Nick no que se
mestura flamenco e rock. Omega, última letra do alfabeto grego é o final. A morte. Na
peza convive a simboloxía de Lorca, os textos propios co teatro, a danza e os patróns
repetitivos do cotián. O dúo está formado por Eva Comesaña, que é a súa segunda aparición na Ruta, e Rosa Vázquez. Comesaña é bailarina, profesional desde o 2012. Formada en danza urbana, contemporánea e africana. Fai parte de 85C, colectivo que pretende visibilizar o traballo das mulleres artistas na cidade de Vigo. Pola súa banda, Vázquez é unha actriz formada na ESAD de Córdoba e Vigo, especializada en teatro xestual.

Cada semana subiremos unha serie de pistas para que atopedes ás ArtistAs de cada barrio. As primeiras persoas en encontrar e fotografar todas as obras recibirán unha copia do libro ArtistAs asinado por Davida. Quen saque fotos ás Artistas dun só barrio, entrará no sorteo do mesmo libro. E, por último, quen sexa o primeiro en sacar unha foto de calquera das obras gañará unha lámina do debuxo en cuestión desta singular exposición. Ao subir a foto a Instagram ou Facebook tedes que poñer o hashtag #ARutaDasArtistas e etiquetarnos a Davida (@davidavgo) e a nós (@amovidavigo).

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.