VIALIA
GIRANDO POR SALAS

Sete espazos á medida para celebracións memorables

Meterías a todos os teus amigos no salón da casa? Se a resposta é non, seguro que te viches na situación de querer convidalos ao teu aniversario pero non contar co sitio axeitado para facelo. Estes sete locais vigueses ofrecen solucións á medida para este problema. Espazos diáfanos, con cociña, con cátering, con actividades singulares ou incluso sobre a ría, nos que organizar un evento privado para maiores e pequenos.

ArteSá | Cedida

Esta recente iniciativa impulsada polo historiador da arte Jorge Sánchez e a graduada en Belas Artes Sabel Sabín é o lugar axeitado para organizar unha festa cun ton artístico. Aínda que a súa ocupación principal é a impartición de cursos e obradoiros sobre pintura e historia da arte, ArteSá abre as súas portas á organización de eventos privados e ofrece a posibilidade de integrar actividades creativas na experiencia.

A súa proposta baséase na oferta de talleres artísticos para encontros de ata 25 persoas, incluídas festas infantís. Para as celebracións dirixidas aos máis pequenos, ofrecen contacontos e creación de murais e colaxes colaborativos. Estas actividades compleméntanse con música e xogos de mesa co obxectivo de asegurar un ambiente dinámico e entretido para a caticada. En canto aos eventos para persoas adultas, algunhas das propostas son o taller de retrato ou o de dripping, no que os participantes crean cadros abstractos a través do goteo de pintura. Tamén propoñen as xornadas Vino Pinto, é dicir, beber viño e pintar ao mesmo tempo. Todas elas inclúen momentos para socializar e comer algo despois da actividade, así como unha pequena parte teórica, na que introducen a historia e as bases da técnica que se vai utilizar e amosan exemplos nos que inspirarse. Sabel e Jorge teñen un lema: «Cultura e diversión, boa combinación!».

Rúa de Pi i Margall, 49 | @centroartesa


As Cunchas | Cedida

Este mesón actualizado con máis de dúas décadas de tradición é coñecido polo seu menú do día e polos pratos clásicos ao forno e á grella, como o cabrito ou o bacallau. Ata aquí achégase cada día unha clientela variada, composta por traballadores dos veciños estaleiros e grupos de amizades que se desprazan para desfrutar dos seus exquisitos arroces, asados ou receitas de inspiración portuguesa. A carta, con petiscos e pratos principais caseiros, e a cálida atención de María, Gonzalo e Xacobe convidan á celebración e transpórtannos ás mesas de toda a vida.

Ademais do seu acolledor local principal, As Cunchas dispón dun espazo polivalente situado nun baixo próximo. Este local anexo, antigamente unhas oficinas, foi reacondicionado para albergar celebracións e reunións. Cunha capacidade aproximada para oitenta persoas e dous baños, dispón de dous ambientes distintos: unha zona interior na que se poden instalar mesas e cadeiras e unha segunda área con chan de céspede artificial, sofás e mesas baixas, cun ambiente máis relaxado. O restaurante ofrece flexibilidade en canto ao uso deste espazo. Os clientes que prefiren a liberdade de organizar e levar o seu propio menú poden alugar o local por bloques de catro horas. Quen prefira non ter que ocuparse de nada pode contratar os seus servizos de comida e bebida, cun menú de pequenos bocados con opcións variadas como tortillas, empanadas e minihamburguesas. Ademais de celebracións privadas, o equipo de As Cunchas tamén saca partido ao novo espazo nos seus orixinais eventos temáticos, como a batalla de bocadillos The Bear vs. Friends, e tamén o cede para colaboracións con outras entidades ou para exposicións artísticas.

Rúa de Tomás A. Alonso, 117 | 678 96 10 30 |@ascunchas | ascunchas.es


Bar Primavera | P. Cermeño

Esta emblemática casa de comidas, con máis de catro décadas de historia na Ronda de Don Bosco, preséntase como unha opción versátil para celebracións, xa que podemos optar por gozar da súa recoñecida cociña caseira ou reservar un amplo espazo para eventos privados. Rexentado por Sandra Rodríguez e Lino Bouzó desde 2015, este mesón-tapería é moi apreciado polas súas racións de guisos tradicionais, táboas de embutidos e petiscos para compartir. Na carta, inspirada nas receitas da nai e a avoa de Sandra, atopamos pratos que evocan as reunións familiares, como o cocido, o xarrete ou as faceiras estufadas, ademais de clásicos, como as croquetas caseiras e os mexillóns tigre, e outros máis modernos como os roliños de papel de arroz.

A gran terraza asollada é un dos seus maiores atractivos, pero poucos coñecen o salón da planta baixa, un espazo amplo e diáfano para celebracións privadas de maior envergadura que recorda os txokos vascos, baixos nos que as cuadrillas de amizades se reúnen para cociñar e comer. O txoko do Primavera conta cunha cociña industrial profesional e baño propio, ten capacidade para unhas trinta persoas sentadas e ata cincuenta de pé, e dispón dun horario moi flexible, desde a mañá ata as doce da noite. A comida e a bebida deben levala os clientes, polo que é unha opción atractiva para quen busca un espazo privado e con autonomía para as súas celebracións, case como estar no salón da casa.

Rúa da Ronda de Don Bosco, 17 | 886 13 51 50 | @barprimavera


Goleta Evangelina | Cedida

Se buscamos engadir o plus dun escenario idílico ao noso evento, Bluscus pon ao noso dispor o alugueiro de dúas embarcacións tradicionais con patrón e tripulación: o balandro tradicional Santa Cruz e a goleta Evangelina, ambos cunha capacidade de ata doce persoas e accesibles para persoas con mobilidade reducida. Estes barcos, que tamén se poden empregar para saídas regulares, son unha opción popular para pedidas, vodas, sesións de fotografía, xubilacións e celebracións de aniversarios significativos.

As posibilidades a bordo son variadas. Pablo Mariño e o seu equipo ofrecen un servizo de cátering, con opcións que van desde empanadas artesás ata menús máis elaborados que poden incluír a degustación de marisco e ostras frescas. Aínda que prefiren xestionar a comida para asegurar a comodidade e o bo funcionamento do evento, non se restrinxe a posibilidade de que os clientes leven algo, como a torta de aniversario. Tamén ofrecen a opción de brunch a bordo. A duración das saídas é flexible, desde un mínimo de dúas horas ata xornadas completas, nas que, por exemplo, podemos aproveitar para navegar ata as illas Cíes. O horario tamén é personalizable, desde pola mañá ata ben entrada a noite, cando podemos observar as estrelas desde o medio da ría. Un plan especialmente popular é saír á tardiña para gozar do solpor a bordo.

Rúa de Policarpo Sanz, 14, 3.º B | 657 63 59 99 | info@bluscus.es | @bluscus | bluscus.es


Puro Delirio | E. Lago

Situado no corazón da zona vella, Puro Delirio está consolidado como o único restaurante de Vigo no que a diversión é parte indisociable do menú. O seu proxecto combina ceas temáticas, escape rooms, catas ás cegas e festas inmersivas cunha proposta gastronómica á altura e unha carta moi inclusiva para persoas veganas ou intolerantes ao glute. Os irmáns Carlos e Paula Puga, aos mandos do negocio, cambian cada mes a temática do local e xogan coa sorpresa para ofrecer unha experiencia divertida aos seus comensais. Estes días o restaurante é «El circo de los monstruos», mentres que en marzo foi un casino ao estilo de Las Vegas.

Teñen menú do día e carta con primeiros, segundos e pizzas artesás, pero destacan por ser especialistas en deseñar menús de grupos para celebracións. Estes menús adáptanse ás necesidades de cada evento e poden incluír barra libre, así como a posibilidade de estender a comida con cócteles e música, sobre todo se os contratamos ao mediodía, cando teñen menos eventos programados. As opcións varían en función do tamaño do grupo. Para grupos reducidos recomendan anotarse nas actividades xa programadas, formando un equipo para xogar con outra xente na escape room ou no Furor. Para grupos grandes, a partir de cincuenta persoas, existe a posibilidade de pechar o local en exclusiva. Nestes casos, podemos elixir o menú desexado, idealmente en formato cóctel, para favorecer a interacción entre os convidados, seguido dunhas copas na discoteca.

Rúa Teófilo Llorente, 43 | 986 04 65 36 | @purodeliriovigo


MUTA | P. Vázquez

En 1960, Joaquín Bobillo González abre na rúa Joaquín Loriga 9 os icónicos Almacenes Bobillo. Varias décadas despois, no 2004, Inés Román abre neste espazo a galería adhoc xunto coa súa nai, especializada en arte contemporáneo conceptual. O seguinte paso, da man da súa irmá Eva (responsable dun centro de xestión privada con talleres artísticos e sociais en Santiago), foi abrir MUTA en 2018, un espazo polivalente ideal para celebrar todo tipo de eventos. As irmás Román botaban en falta este tipo de instalacións, que ata hai uns anos só podías atopar nos baixos dos hoteis. MUTA eríxese como o espazo idóneo para conferencias, presentacións, proxeccións, eventos empresariais, catas de viños, formacións, reunións e un longo etcétera.

MUTA destaca pola súa versatilidade, amplitude e encanto. A súa arquitectura privilexiada, con teitos altos e luz natural, combínase cunha decoración que inclúe mobiliario de deseño e obras de arte. O espazo conta con diferentes áreas: un recibidor de 89 m², unha cociña totalmente equipada e con enxoval propio, un despacho para reunións íntimas, un gran espazo de 78 m² situado no antigo almacén de adhoc e outra zona aínda máis ampla, de 100 m², con entrada independente e ideal para presentacións, celebracións ou reunións.

Rúa de Joaquín Loriga, 9 | 664 69 76 11 | @muta.vigo


O PAU (Polígono de Actuación Urbanístico) de Navia era unha urbanización de xente nova sen servizos de conciliación ata que Borja e Elisabet decidiron poñerlle remedio a isto coa apertura dun novo establecemento pensado para a rapazada de entre 3 e 12 anos. Obradoiros e xogos simbólicos son pezas básicas deste proxecto situado na rúa das Teixugueiras. Tamén ofrece unha alternativa para as vacacións escolares, ofrecendo os servizos de madrugadores e comedor. O local tamén está pensado para poder alugar na súa totalidade ou organizar festas de aniversarios e eventos similares.

Ciudad Aventura abriu as portas en febreiro de 2024 tendo entre os seus obxectivos ofrecer algo máis que un lugar de xogo simbólico; pretende chegar máis lonxe e atender as inquedanzas de nais e pais con charlas, conferencias e obradoiros. Trátase dun espazo seguro en que a cativada pode desenvolver a capacidade cognitiva e a creatividade. Ademais, aquí os pequerrechos potencian as habilidades sociais a través de actividades como os xogos de rol. En definitiva, estamos ante un lugar en que nenos e maiores teñan cobertura para necesidades do día a día.

Rúa das Teixugueiras, 19 | 604 04 53 92 | ciudadaventuravigo@gmail.com | @ciudadaventuravigo

REVISTA ABRIL

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.