REVISTA ABRIL

Tu Fiestita, unha nova vida para as celebracións

Hai un mes abría as súas portas Tu Fiestita, un espazo dedicado ao mundo das celebracións. Ceci e Patri, tía e sobriña, son as responsables desta empresa detalles personalizados, decoración e animación de eventos que busca xerar momentos máxicos e inesquecibles.

Patri e Ceci no interior do local de Tu Fiestita | P. Vázquez

As cousas, cando se fan con agarimo e paixón, nótase. Iso deberon pensar Ceci e Patri, venezolanas residentes en Vigo desde hai catro e oito anos, respectivamente: “Ambas compartimos a paixón polas manualidades, polas festas e ademais ambas fomos profesoras por moito tempo, polo que nos encantan os nenos”, explica Ceci. Vendo que había boa conexión profesional comezaron a decorar as festas dos seus familiares, cunha gran acollida. Aí decidiron dar o salto a un círculo máis amplo, e a finais de 2022 nacía Tu Fiestita.

Con todo, o local non abriu as súas portas ata o pasado mes de febreiro. A búsqueda dun local adecuado, contan, foi unha tarefa máis complexa do esperado, pero finalmente atoparon un que cumpría os seus desexos na rúa Enrique Xabier Macías, unha vía peonil con moito tránsito e á beira do IES do Castro. “Ter un local propio é moi importante para as actividades cos nenos. Aquí teñen xogos de imitación, área de lectura, proxeccións de películas, pizarra, mobiliario adaptado, chuches…” explica Patri, quen opina que o espazo está preparado para celebrar un aniversario “a todo trapo, como decimos en Venezuela”.

As actividades que organizan a domicilio están dirixidas tanto a nenos como a adultos, pero sempre no ámbito do mundo infantil. Isto inclúe aniversarios, vodas, comuñóns, babyshowers ou gender reveal, estas dúas prácticas máis habituais en América pero moi de moda nos últimos tempos no noso país. Destacan a boa aceptación que teñen as manualidades para adultos, xa que xeran un ambiente moi festivo e familiar, como nun campamento: “Fainos conectar de novo coa infancia”, aseguran. Neste tipo de eventos Tu Fiestita encárgase de todo: papelería creativa, actividades, decoración, detalles personalizados, piñata, chocolatinas co nome dos convidados, mesa de doces, arranxos de globos

REVISTA ABRIL

No seu local de Hispanidade realizan talleres todos os sábados pola mañá, de temática variada: “O que cremos que nos diferencia é a calidade humana do noso servizo, non os deixamos correr como tolos como nun parque de bolas. Contamos contos significativos para nós, ofrecemos manualidades para que fagan desde cero, tamén actividades de cociña e ciencia… Queremos que os nenos experimenten e saian da zona de confort“, apostila Patri.

Este modelo recibe o nome de aprendizaxe significativo, isto é, adquirir os coñecementos mediante o descubrimento. “Máis que unha manualidade, queremos que leven a casa unha experiencia”, resume Ceci. En períodos non lectivos, como Entroido, Semana Santa ou algún día festivo, ofrecen campamentos de máis duración para axudar á conciliación familiar: “Sentimos un compromiso coa sociedade e queremos axudar a todas esas familias que non teñen un espazo seguro onde deixar aos seus fillos”, contan.

Rúa Enrique Xabier Macías, 3 |  648 45 05 95 | @tufiestitavigo / tufiestita.com

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.