CAMELIAS MASCOTAS

Eladio Santos: ‘Os músicos debemos procurar deixar cancións, non recortes de xornal’

A Eladio Santos, un dos músicos insignia da música viguesa arredor de España, o confinamento pillouno en plena campaña de promoción do último disco, Academia, e antes de poder ensinar ao público este traballo xunto á banda que lidera, Eladio y los seres queridos. O compositor é ademais técnico de son en Churruca, polo que confiamos na súa amplitude de miras no mundo musical para facernos unha idea de como se vive a desescalada a ambos lados do escenario.

A presentación do voso último traballo foi truncada polo estallido da crise sanitaria. Como o estás a vivir?

Tivemos que confinarnos xusto antes de poder presentalo ante o público, aínda que si puiden acudir a algunhas das citas gordas da promo. A semana previa estivemos de ruta polas radios madrileñas e nunca esquecerei esa viaxe. Foi unha locura. En cada estudo que entrábamos incrementábanse as medidas de prevención e tamén a tensión. O último que fixen foi Luar o día 13 de marzo, xa sen público e sen a banda.

Pasaron xa dous meses diso nos que non puidestes mostrar ao público Academia. Non é habitual espaciar tanto promo e concertos. Cres que pode ter consecuencias negativas?

Non creo que nos afecte demasiado, pois adoita pasar de xeito parecido. Sempre que sacas unha novidade o teléfono soa durante algunhas semanas. Ocorre ese momento doce no que recibes un montón de atención, incluso te volves un pouco vanidoso, pero as xiras duran meses e anos. Tocar é a mellor promoción que existe pois, á fin e ao cabo, os músicos debemos procurar deixar cancións, non recortes de xornal.

Centrastes a promoción no ámbito nacional. Tedes máis público dentro ou fóra de Galicia?

50 e 50. Cando naceu Eladio y los seres queridos fixemos un par de xiras moi potentes con Vetusta Morla e Deluxe que nos deron moita sona por toda España. Chegamos a encher prazas de toros. Despois de ‘Cantares’, o grupo asentouse máis en Galicia. Agora gústanos máis tocar preto da casa e en teatros, co público sentado. Supoño que xa somos un grupo de puretas.

De feito, o voso concerto de regreso será o 25 de setembro nun auditorio, o do Concello de Vigo. Estades xa artellando a xira para outono?

Si, os concertos hai que programalos con tempo. Se non se pode daquela, deberemos adialo, pero de momento seguimos tirando do carro. Temos tres datas: Vigo, Madrid e Santiago e xa hai entradas vendidas.

Si tivestes que cancelar a vosa participación en festivais este verán.

Ese é un dos temas máis delicados do momento. Hai un lume cruzado entre moitos frentes e a xente tende a simplificalo demasiado, sen ter en conta o equipo e a inversión que implica facer un festival. Seguimos no cartel dalgún deles porque ata que non haxa unha orde desde a administración, quen se atreve a cancelar centos de contratos unilateralmente? É un verdadeiro marrón, pero iso a xente non o entende, pensa que as promotoras estiran pospoñen a decisión porque lles dá igual a saúde pública, cando é por propia supervivencia.

Como artista, sacaches proveito destes meses de calma?

O que máis fixen foi cultivarme e encherme de ideas novas. Incheime a ler, vin algunhas series e moito cine clásico, que me encanta, desde o neorrealismo italiano ata a filmografía completa de Woody Allen.  Ademais gocei do tempo en familia. Como músico fixen un par de cancións e un traballo de mestura de son.

REVISTA NOVEMBRO

Ti ademais de músico es técnico de son na Fábrica de chocolate. Como imaxinas o ocio nocturno a partir de agora?

Hai moita incerteza. Non quero ser agoreiro, pero imaxino que seremos dos últimos en poder abrir, pois a xente de marcha é ingobernable. Todo o mundo está maquinando como volver, como reconverter os bares de copas para que non esteamos de pé pegados e nos gardemos as ganas de abrazarnos. Non me imaxino a Fábrica con cadeiras, rollo cafetería, pero igual é o único xeito de abrir proximamente. Supoño que me pasa como a todo o mundo, teño momentos de optimismo e outros de desesperanza, nos que non podo evitar pensar que todo isto é unha merda.

Esta entrevista forma parte da serie #HistoriasDaDesescalada, un retrato por fascículos sobre como a cidade de Vigo esperta na ‘nova normalidade’ no que aportaremos os puntos de vista dos diferentes actores culturais, desde artistas a axitadores, sen esquecer as salas e a todos aqueles que, dun xeito ou outro, fan a súa achega diaria ao ecosistema cultural vigués.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *