VIALIA
PLAYDOC

El local, naturalidade artística

Era unha idea que levaba moitos anos a roldar polas cabezas dos artistas e biólogos José Arcas e Marta Robles, e este ano por fin a fixeron realidade. El Local, un nome contundente escollido pola súa filla Leire, é un espazo definido por catro paredes, unha delas formada por unha gran cristaleira, serve de fogar para todo tipo de actividades artísticas e culturais relacionadas coa natureza: cursos, exposicións, presentacións de libros… Pero, sobre todo, é o local onde o propio José imparte os seus obradoiros de acuarela, materia na que é experto.

Marta Robles e José Arcas en El Local | Foto: P. Vázquez

Autor dos libros ilustrados Caderno de campo das illas Cíes, Alexandrinus e Viches iso? Un singular percorrido pola vida das aves invisibles, Arcas está especializado na pintura da natureza, especialmente sobre aves e ambientes mariños. Gústalle pintar en exteriores, pero tamén precisaba dun local onde poder realizar estes cursos de xeito regular, sen depender das condicións meteorolóxicas. Con todo, as saídas á natureza van seguir sendo habituais durante as fins de semana: «Son actividades diferentes, pero complementarias», explica. Espazos urbanos con presenza de flora e fauna como son o monte do Castro, o parque de Castrelos ou o río Lagares son algúns dos destinos pensados, pero tamén os hai alén de Vigo: o esteiro do Miño, O Grove, parques naturais…

REVISTA MAIO

A parella fai fincapé na importancia do caderno de campo, a ferramenta utilizada sobre todo por investigadores para realizar anotacións durante as saídas á natureza: «É algo que un biólogo ten que ter á man», di Marta. Estes obradoiros ao aire libre son ideais para aprender a confeccionar un diario de campo propio.

A partir do luns 4 inícianse os cursos de acuarela tanto para adultos (de luns a xoves en horario vespertino) como para rapaces de 10 a 14 anos (os martes ás 17:00 h). Estas clases están dirixidas para todos os niveis, polo que nunha mesma aula poden convivir persoas que se están iniciando na acuarela (e técnicas en seco compatibles) con outras que queiran perfeccionar a destreza co pincel da man de José. No futuro, Marta agarda poder montar tamén aquí un taller de cerámica e impartir cursos neste espazo luminoso de vigas azuis e mesas de madeira con patas encarnadas.

Rúa do Pintor Lugrís, 8 | info@ellocal.es | 637 86 24 39 | @el_local_arteynaturaleza

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.