Dous premios Nobel danse cita no Vigo Global Summit
Paul Krugman e Abhijit Banerjee, ambos galardoados co Premio Nobel de Economía, ofrecerán conferencias maxistrais no Vigo Global Summit, un congreso económico que se celebra os días 27 e 28 de xuño no auditorio Mar de Vigo no que se reunen algunhas das voces máis respectadas nesta materia do panorama mundial. Podes mercar aquí as túas entradas, con grandes descontos para estudantes universitarios.
O congreso Vigo Global Summit, que se celebra os días 27 e 28 de xuño no auditorio Mar de Vigo coincidindo co 75 aniversario de Zona Franca, está dirixido polo catedrático da Universidade de Vigo Santiago Lago Penas e conducido polo xornalista pontevedrés Xabier Fortes. O evento virará arredor de tres mesas de debate que tratarán algúns dos asuntos clave para comprender mellor como será a economía do futuro.
O cambio climático, a transición enerxética, o envellecemento poboacional, os cambios sociais ou o despregamento masivo da intelixencia artificial e a robotización serán algúns dos temas que se traten nestas xornadas nas que se pretende analizar en detalle o rol que poden e deben desempeñar cidades e rexións na definición de sistemas económicos máis eficientes e sostibles, máis equilibrados e cohesionados no horizonte de 2030 e máis aló.
Dous Premios Nobel por prmieira vez en Galicia
O prato forte é a presenza de dous Premios Nobel de Economía: Paul Krugman e Abhijit Banerjee. As perspectivas que ofrecerán nas súas conferencias maxistrais os dous esconomistas son complementarias:
A conferencia de Krugman centrarase na análise da conxuntura a escala global. Unha conxuntura marcada, entre outros vectores, polo brusco cambio na orientación da política monetaria a ambos os dous lados do Atlántico e por unha redefinición das relacións políticas e económicas a escala global. Nela destaca a reacción #ante as debilidades das cadeas loxísticas globais, que a pandemia mostrou con nitidez e a pugna polo liderado en sectores crave para o futuro, como a intelixencia artificial.
Pola súa banda, a conferencia do profesor Banerjee envorcarase nos desafíos estruturais e de longo prazo para o benestar económico a escala global. O desenvolvemento dos países hoxe máis atrasados debe facerse dentro duns parámetros diferentes aos de hai unhas décadas. Sabemos que o planeta non pode permitirse un crecemento despreocupado da súa pegada ecolóxica e dos seus efectos sobre o quecemento global. Toca, por tanto, pensar en como cumprir objeticos de desenvolvemento sostible no mundo actual e as súas restricións.
Podes consultar o programa completo dos dous días premendo aquí.