REVISTA MARZO

Volve Culturgal, a cita anual co talento galego

Do 26 ao 28 de novembro celébrase no Pazo da cultura de Pontevedra a 14 edición de Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia. Un escaparate aberto ao público para produtoras, editoras, artesáns, escritores e artistas que conta cunha extensa programación de actuacións, proxeccións e presentacións tanto para público adulto como infantil. Pode consultarse aquí o programa completo e mercar as entradas nesta ligazón.

Despois do parón imposto en 2020 a feira da cultura e a creatividade galega volve con119 stands, máis de 80 empresas con presenza física e un programa de 100 actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais.

Banner A Movidiña

Sábado 27 e domingo 28 a Feira abre todos os seus espazos desde as 11 da mañá ás 9 da noite. A programación espállase por todo o Pazo da Cultura en diferentes escenarios: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último para teatro e música ao vivo. O programa é amplísimo e de novo volve a concentrar as iniciativas máis novidosas e punteiras en cada sector. No sector editorial atopamos encontros con grande snomes da literatura como Manuel Rivas, Ledicia Costas ou o Colectivo Rompente. Haberá música ao vivo a través de diferentes showcases e co espectáculo especial de Tanxugueiras, o domingo 28, que despiden xira en Culturgal con todas as entradas vendidas desde hai semanas.

As artes escénicas chegan á Feira a través de diferentes propostas da man de Escena Galega, da función de Elefante Elegante con Dreaming Juliet o domingo 28 no Teatro Principal (para o que é preciso reservar entrada) ou coa presentación da xira teatral de Fariña para 2022. Como é marca da Culturgal, o público infantil e familiar terá onde escoller durante o sábado 27 e o domingo 28 con propostas como a do CSIC Galicia de “Ciencia á Feira” ou a exposición de autómatas Kinétiko. No sector audiovisual destaca a proxección de Melancolía, o último filme de Alfonso Zarauza, que busca repetir o éxito do seu anterior filme Ons, repetindo parte do reparto e pasándose ao terror. Para asistir á proxección é necesario reservar entradas aquí.

Culturgal lanza nesta edición a Culturgal TV, unha tele cultural de fin de semana que, ademais de transmitir unha selección das actividades que terán lugar ao vivo en Pontevedra, incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da Feira.