CAMELIAS MASCOTAS

Domingo Villar: “Traballo cheo de inseguridades, pero coa fortuna de saber que a xente espera as miñas historias”

Domingo Villar volve á palestra cunha das novidades editoriais da tempada, Algúns contos completos (Editorial Galaxia). Primeiro, por tratarse dunha fermosa edición ilustrada con linogravados de Carlos Baonza; e segundo por ser unha obra totalmente diferente ao que nos ten tan habituados o escritor vigués. Falamos con el na terraza do Elixio, lugar de peregrinaxe para todos os seguidores do inspector Leo Caldas.

O persoal do Elixio, taberna situada á beira da rúa do Príncipe, recibe a Domingo Villar con todos os honores, concretamente cun prato de apetitosas croquetas caseiras. Non é para menos, pois os tres volumes protagonizados polo inspector Leo Caldas (Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco) fixeron máis por este local que a máis ambiciosa das campañas publicitarias. E ben o merece, pois as croquetas están de vicio.

Malia que nesta ocasión o protagonista é outro, Domingo admite que “Caldas e máis eu temos algún traballo en común pendente”, polo que os lectores dunha das sagas policiacas máis populares dos últimos anos poden estar tranquilos. Entre as súas mans, suxeito con moito agarimo para non manchalo, recoñecemos o seu novo traballo, Algúns contos completos, título que homenaxea de maneira cálida e ocurrente ao seu pai. Trátase dunha colección de contos orais que Domingo acostumaba contar aos seus amigos nas sobremesas, e que a causa destes tempos tan tolos que estamos a vivir, decidiu compartir con todo o mundo.

Pasar do éxito do thriller policíaco á incógnita dos contos populares é un movemento arriscado do que Domingo é consciente: “Un non ten a sensación de estar escribindo para moita xente, non é como dar un concerto. Ti fas o libro coa intención de emocionar a un posible lector, e coa máxima de que non se pode emocionar sen estar emocionado cando se crea. E así traballo: cheo de inseguridades e medos, pero coa fortuna de saber que hai xente esperando polos meu personaxes e as miñas historias“, confesa o literato.

REVISTA NOVEMBRO

Os relatos, nos que autor desplega o seu nutrido imaxinario, están acompañados e complementados polos espectaculares linogravados de Carlos Baonza, “un artista a tempo completo, un home sen presunción, humilde e totalmente deslumbrante” define con orgullo Villar ao seu compañeiro, a quen coñece desde hai 16 anos. Cada páxina desta obra ben podería estar pendurada nunha galería ou museo, pois a combinación entre texto e ilustración resulta do máis evocadora, dándolle unha nova dimensión a estas historias plagadas de personaxes auténticos e fantásticos.

Carlos Baonza no seu estudio | Cedida

No prólogo do libro o autor admite a dificultade que lle supón escribir textos longos, navegar sen ver terra, dato curioso pois O último barco consta de 800 páxinas: “Eu afronto a escritura dun libro con determinación limitada. Se penso que vou facer un libro de moitas páxinas, abandónanme as forzas. Si que son capaz de escribir un capítulo curto como se fose un relato individual deixando un buraquiño ao final para que o lector siga lendo”, admite Villar.

O xoves 23 ás 20:00 no Museo Marco poderemos coñecer unha nova faceta do escritor, pois presentará este novo traballo lendo algúns dos relatos acompañado polo pincel de Baonza: “Aínda non sei como vai ser, pois os gravados é difícil facelos en directo, pero Carlos é incapaz de non pintar” asegura Villar. Podemos esperar unha xira trovadoresca? “Estamos preparando algo para poder proxectar, mentres leo, as imaxes tanto do libro como outras que quedaron fóra, pois Carlos fixo máis dun cento de gravados que non figuran no produto final. Estamos artellando unha especie de cinema mudo” confirma o novelista e, agora, tamén contacontos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.