REVISTA ABRIL

Día de zume e rosas

Este San Valentín queremos reivindicar os agasallos clásicos, eses que non quedan obsoletos por moitos anos que pasen. A nosa proposta para celebrar o Día dos Namorados é volver á orixe regalando flores ou, por que non, alegrarlle o día a esa persoa tan especial achegándolle un almorzo delicioso. Confiamos nas marcas locais para para tal angueira, sempre con produtos da terra.

Para conquistar polo estómago, nada mellor que facelo almorzando na casa produtos ecolóxicos e libres de químicos. Para isto confiamos nos almorzos a domicilio de Terrae Orgánica. Pódense reservar con ata un día de antelación, por teléfono ou por WhatsApp, para que o 14 de febreiro, a partir das nove e media da mañá, cheguen ao enderezo local que prefiramos. Uns exquisitos menús de primeira hora que se presentan en envases de cartón reciclado e plástico compostable feito con millo: iogur con granola e froita, zumes naturais, torradas e café ou té quentiños, que chegarán á porta de quen escollas para namorar desde os bos días. Que mellor para empezar a xornada?

REVISTA ABRIL

Se o que queremos é unha rosa de cen follas ou un moderno ramo de tulipáns, que están de temporada, podemos deixar a encarga nas mans de Lupe, a responsable que se agocha tras A Gabeta, un espazo de flores cuberto, cheo de plantas e recendo a natureza. Ata o xoves 10 poderemos visitala na web e materializar nese ramo o amor que tes para repartir. Alén dos ramos e os arranxos florais, tamén se pode encargar unha gabeta chea de flores e talos verdes, un produto tan representativo da marca que mesmo lle dá nome. Para este 14-F hai un modelo en madeira con forma de corazón que fará o día inesquecible, xa que a gabeta pode reutilizarse como caixa ou como elemento decorativo; un recordo perenne en memoria das flores.

Historias do San Valentín que están moi ben, pero desde aquí queremos reivindicar que calquera día do ano é bo para regalar flores e almorzos a domicilio a quen o mereza, porque o amor é cousa de todos os días. Terrae e A Gabeta dannos a posibilidade de converter as nosas xornadas en días de zume e rosas.

Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.