REVISTA ABRIL

Nove anos de Overdose Club: do undergorund ao mainstream

A festa Overdose Club, pioneira no clubbing de música urbana en Vigo e Galicia, cumple nove anos esta fin de semana con dous eventos: o venres 17 na sala Malastesta de Santiago e o sábado 18 en Molotov Club, en Vigo. Falamos con Kaixo, músico, axitador cultural e un dos artífices deste punto de reunión que naceu do máis puro underground. Fotos: cedidas

Roi Torres, máis coñecido no ámbito artístico como Kaixo, atende a nosa chamada pouco despois de medio día. Desvélanos que o día anterior estivo ata as tres da mañá no estudio rematando o que será o segundo álbum de Youcanthide, o grupo de hardcore que montou anos atras cos membros de Kings of the Beach. Hai case unha década que o clubbing vigués deu un xiro coa chegada das Overdose Club, unhas festas libres e salvaxes arredor da música urbana, e el estaba alí.

REVISTA ABRIL

Kaixo sabe o que é pasar do barro ao ceo, pois o colectivo do que formaba parte, Banana Bahia Music, foron un dos pioneiros nisto da música urbana entre o 2011 e o 2019. Dez anos atrás palabras como trap soaban a chinés nestes lares e agora non hai semana que non haxa un concerto deste xénero nalgunha sala viguesa. Overdose Club conseguiu xuntar a un grupo de xente con gustos similares baixo un mesmo teito: “Comezou como un grupo de colegas que se inventaron o seu propio club para escoitar a música que lles gustaba e fuxir do electrolatino e da pachanga”, explica o artista. A primeira celebración foi no Lolita (agora Sala Kominsky), e pouco a pouco foise convertindo nun espazo para xerar comunidade dentro da cultura urbana que cos anos xuntou a centos de persoas dentro dun mesmo recinto.

Outra das súas características é a itinerancia: só en Vigo as Overdose percorreron o xa mentado Lolita, CaryCar, El Barrunto, Rouge, Quomo, Doppler, Le Soir, La Iguana e, por último, Molotov Club, o local que rexenta o propio Kaixo. Fóra de terras olívicas Santiago, Madrid e Barcelona tamén saben o que é acoller unha destas festas. Kaixo lembra o aniversario de 2020 en La Iguana, un mes antes do confinamento, como unha festa “salvaxísima”. Outras propostas de clubbing local que merecen ser destacadas segundo o músico vigués son Nagasaki, Neo2000Klub ou Akelarre, que aportan cor e variedade a noite viguesa. Este sábado 18 ás 00:00 Molotov Club acolle o IX aniversario de Overdose Club, e para unha data tan sinalada o cabeza de cartel non podería ser un calquera. Cecilio G, artista referente na música urbana, coroa unha noite na que tamén actúan Yung Voidy, Wabii, Exit1 e o propio Kaixo.

Hai pouco menos dun ano que botou a andar Molotov Club, o último proxecto de Kaixo, neste caso como un dos encargados: “O balance é positivo. Malia que Vigo é unha cidade á que lle custa cambiar de hábitos, tamén desfruta de que existan alternativas”, explica. Só destaca un aspecto negativo: a relación co Concello. En xuño de 2022 a Policía Local interrumpiu un concerto na sala organizado polo colectivo Grupos de Vigo en Loita, e algo similar aconteceu o pasado mes de decembro. O baleiro legal que existe na cidade repecto ás lincenzas das salas de concertos provoca que a Policía poida paralizar actuacións sen ningún tipo de oposición polas bandas. Kaixo, igual que moitas asociacións veciñais, bota en falta máis diálogo por parte do máximo organismo municipal: “Se o Concello tivese un pouco máis de paciencia e accedese a sentarse a falar coas salas de Vigo todo sería moito máis sinxelo. O interesante sería que existise un diálogo de verdade e a música en directo estivese protexida. Estamos pedindo algo que en realidade debería ser básico”, finaliza. Esta queixa non é exclusiva da Molotov, xa que outras salas como La Fábrica de Chocolate, La Iguana Club ou Nuevo Bonus Track tiveron ou teñen problemas similares, con nula resposta por parte dos mandatarios públicos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.