Dez plans esta fin de semana en Vigo
Propoñemos dez plans para facer en Vigo do 9 ao 10 de xuño. Música, festas populares, mercados e feiras entre outras cousas. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.
Concerto de Quico Comesaña con banda – Venres 9 ás 21h, no Teatro Afundación – 15 €.
Un dos músicos máis importantes do folk galego das últimas décadas presenta o seu primeiro traballo en solitario, unha obra conceptual que vira ao redor da defensa e o respecto á natureza,. Comesaña formou parte de bandas como Berrogüetto (durante seis discos), Fía na roca e acompañou a Uxía durante varios anos.
Concerto de Paco Ibáñez en homenaxe a Carlos Oroza – Venres ás 21h, no Auditorio Mar de Vigo – 18 €.
Con motivo do centenario do nacemento do poeta Carlos Oroza, o cantautor Paco Ibáñez ofrecerá un concerto titulado Nos queda la palabra no que interpretará catro ou cinco temas en galego, con poemas de Celso Emilio Ferreiro e Antonio García Teijeiro.
Concertos de fin de tempada na Sala Rebullón – Venres e sábado.
A Sala Rebullón celebra os seus dous últimos concertos antes do parón estival.
O venres a velada xirará entorno ao rock sureño, con concertos de Montana Stomp e Esmorga Blues. A cita é ás 22h e a entrada págase por caixa inversa (á saída e o que cada asistente considere).
O sábado soará a garaxe e punk cos concertos de Doctor Explosión, Kuma, Less Fortunate Sons e True Mountains. Comeza ás 21h e as entradas custan 12 €.
Faladoiro Referentes LGBT+ – Sábado ás 21:30h na Revolta. De balde.
Como cada mes de xuño, a Asociación Nós Mesmas e Avante Galicia preparan unha extensa e variada programación baixo o título Orgullo Crítico na que atopamos esta mesa de refernetes centrada na memoria da cidade.
Vigo Dub Club – Sábado ás 23:30h , en Molotov Club – 7 €
Píntega Sound System e Skank-Fu estarán ao cargo desta soundsystem de dub, roots e elctrónica que se celebra periodicamente en Molotov.
Galiexpo Motor Show – Venres, sábado e domingo, no IFEVI – Desde 8 €
Salón do motor que contará con espectáculos durante o venres, o sábado e o domingo da man dos catro pilotos máis importantes do Drift Indoor. Tamén estará o piloto especialista en freestyle moto Thomas Wirnsberger e o F1 de Michael Schumacher.
Verbena Market – Sábado de 12 a 20 no Casco Vello Alto – De balde
Unha ducia de postos de artesáns, roupa de segunda man, deseño e flores; comida, música, concerto e varios obradoiros son a proposta de Verbena Market. Un mercado itinerante que este sábado toma como sede o Casco Vello alto, tanto a praza do Abanico como a sede da Asociación Évame Oroza, antiga casa da Collona.
Monólogo de Luis Piedrahita – Sábado ás 20h no Teatro Afundación – Desde 12 €
Co monólogo Es mi palabra contra la mía, o cómico coruñés indaga nos motivos polos que ninguén está contento co que lle tocou. As profundas reflexións deste monólogo levan á conclusión de que a vida unicamente se pode levar ben con humor.
Mago Yunke – Domingo ás 18h no Auditorio Mar de Vigo – Desde 24 €
Yunke volve creando un espectáculo onde o espectador é o centro das súas ilusións. Viaxaremos ata cuestionarnos a realidade, estremecerémonos con impactantes imaxes, lembraremos cando eramos nenos, mentres nos emocionamos experimentando sensacións inimaxinables.
Concerto de Guns n’ Roses – Luns 12 , no Estadio de Balaídos – Desde 62 €
A banda de hard rock hollywoodiense visita Vigo este luns. Autores de temas como Sweet Child O’ Mine ou Welcome to the Jungle, espérase que ofrezan un espectáculo de aproximadamente 3 h no estadio de Balaídos. Estarán teloneados polo grupo anglo-estadounidense de pop rock The Pretenders.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024