CAMELIAS MASCOTAS

Desde Rusia con amor

Non hai prato que se repita máis nos menús do verán que a ensalada rusa. Casa perfectamente con outros clásicos estivais como a tortilla ou os chinchos, e decidir sobre se debe levar ou non olivas ou pemento xera máis discusións na praia que un debate no Congreso dos deputados. Pensando nas noites de calor e na reputación que poidas acadar coas visitas que teñas estas vacacións, tráioche desta volta catro opcións de ensaladas tan rusas como viguesas.

Las Tablas, ensaladilla con regañá

Esta taberna gusta polas súas tapas de sempre, onde non faltan as luras nin a tortilla española en case que ningunha das súas mesas. Pero o da ensalada rusa merece mención á parte. Anacos de verduras e patacas contundentes na compaña dunhas lascas de ventrecha de atún que consagran a calidade do conxunto. Todo coroado cunha regañá, esa torta dura e fina de pan típica en Sevilla.

Las Tablas atópase na rúa de Rosalía de Castro, 57.

Tapas Areal, a versión clásica dun clásico

Nos tempos en que a oferta hostaleira da cidade non era tan numerosa como a actual, este lugar era un recurso habitual nas axendas dos vigueses. Leva no cumio da popularidade desde a súa apertura nos anos 90. O seu estilo de taberna clásica e carta de corte tradicional, fixeron deste lugar un punto fixo á hora de facer recomendacións sen marxe de erro. Na súa carta, a ensalada rusa sempre estivo presente. Das catro que che traio, esta é a mais saborosa. Se che gustan estas ensaladas ben cargadas de maionesa e moi melosas, aquí tes, sen dúbida, a túa opción. Preparación caseira, que che recordará á cociña de túa nai. Pódela degustar nunha parada rápida cunha copa de viño na barra ou, máis devagar, nunha cea con algún dos seus espetos, outro deses pratos inmortais.

Tes o teu oco na barra de Tapas Areal, na rúa de México, 36

Detapaencepa, a elegancia rusa

Desde o 2006 leva este local apostando pola despensa galega para crear as súas tapas. Produto local, de proximidade, outro deses lugares que recomendo con absoluta confianza, que respecta a gastronomía clásica do país, coa mellora das técnicas actuais. A súa ensalada rusa leva tempo ocupando a terceira posición do meu podio, tentando este meu corazón larpeiro a través das súas saborosas verduras, dos anacos de pataca que se notan sen machucar e polo equilibro perfecto ao engadir a maionesa. Nin sobra nin falta. 

As mesas de Detapaencepa esperan por ti na rúa do Ecuador, 18

Taberna La Bastarda, brava e natural

Non sei se o éxito desta ensalada rusa vén polas anchoas que coroan o prato, ou polo toque picante que lle engade o chile, pero o certo é que sempre que me preguntan por este prato, esta é a primeira opción que me vén á cabeza. Ademais deses dous toques que a fan diferente ao resto, a ensalada rusa desta taberna gusta pola súa consistente pataca, polas verduras que parecen acabadas de sacar da horta e polo xusto toque de maionesa.

REVISTA NOVEMBRO

Viños, ensaladas e boa xente esperan por ti no paseo de Afonso XII, 30

Queres máis? En mecomovigo.com tes unha listaxe con mais opcións de ensaladas, pratos frescos para este verán.

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de verán. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
A Marta gústalle dicir que é mais viguesa que o olivo. Esta publicista dedicada profesionalmente á comunicación dixital, presume de ter dúas paixóns: Vigo e contar historias. Así que mentres axuda a outros cos seus textos e as súas redes sociais, decidiu que o seu obxectivo vital sería amosar que Vigo non é una cidade tan fea como algúns se emperran en afirmar. E iso é o que fai desde Me como Vigo.

Últimos posts de Marta Valcarce (ver todos)