VIALIA
bannerPicnicSesions

La Cafetera Creativa, creando con barro e vidro desde Navia Vello

No corazón do barrio vello de Navia, coa banda sonora dos paxariños da alameda, pasar as tardes dándolle ao torno, fundindo cristais e arranxando mobles antigos resulta moi apetecible. Inés Elorrieta, Antía Sánchez e Tiby Rey son as impulsoras deste espazo tan especial, La Cafetera Creativa.

Inés, coñecida no eido artístico baixo a firma HeyJuddy, é a encargada das clases de cerámica, tanto para adultos como para menores; Antía ocúpase das clases de pintura e debuxo; namentres que Tiby ensina como darlles unha nova vida a mobles e obxectos antigos, ademais de crear xoias únicas fundindo diferentes tipos de vidro. Todos os cursos poden renovarse mes a mes, polo que resultan moi cómodos de adaptar ás nosas necesidades e rutinas de cada momento.

En 2019 bota andar este proxecto multidisciplinar e creativo nun espazo tan acolledor como é o Navia Vello, preto da cidade, máis accesible para a xente do Valmiñor e con facilidade para aparcar. Elorrieta aprendeu cerámica na Escola de Artes e Oficios, lugar que na súa opinón “é unha xoia descoñecida que temos”, onde cambiou o lapis e o pincel polo torno: “cheguei á cerámica un pouco por casualidade pero gustoume moito, é outra forma de expresarme”, explica. Antes de chegar a Navia, Inés xa impartía clases en San Miguel de Oia, polo que os barrios tranquilos e semi rurais son unha constante na súa traxectoria docente.

REVISTA ABRIL

Para este novo curso de cerámica os horarios víronse ampliados, onde podes escoller entre tres días da semana tanto de mañá como de tarde. A flexibilidade é outro dos atractivos de La Cafetera Creativa, xa que podes vir 2 ou 4 horas cada día, amoldando da mellor forma posible estas clases á túa rutina. Ademais, renóvanse mes a mes, polo que podes ir entrando e saíndo segundo os teus compromisos laborais ou persoais. As ensinanzas son particulares, convivindo nunha mesma aula persoas que nunca tocaron o barro con outras máis experimentadas, cada unha ao seu ritmo: “Cada un fai as pezas que quere dentro das técnicas aprendidas no seu nivel”, conta Inés.

En canto a Tiby Rey, a súa especialidade é a restauración de mobles e obxectos antigos, onde darlle unha segunda vida a todo ese mobiliario case ruinoso que podes atopar na aldea ou no trasteiro. Neste curso propón outro tipo de taller a maiores: vitrofusión, xoiería en vidro e upcycling de botellas. O primeiro consiste en unir diferentes tipos de vidros con calor para realizar pezas únicas. No segundo aprenderemos a deseñar a nosa propia liña de bisutería, ideal para dar os nosos primeiros pasos neste oficio. O terceiro trata sobre transformar botellas de vidro para convertirlas noutros obxectos, como vasos, portalápices… Todos estes obradoiros, os de Inés e os de Tiby, son adecuados tanto para a xente que lle apetece probar novas experiencias a modo de pasatempo como enfocado desde unha visión máis profesional. “Eu cando comecei coa cerámica non o vía como unha saída profesional, pero despois xurdiu a opción de dar clases e facer os meus propios produtos”, sinala a artesá.

La Cafetera Creativa | Rúa de San Paio, 138 | lacafeteracreativa@gmail.com | 618 13 05 02 | FB: La Cafetera Creativa | IG: @lacafeteracreativa

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.