CAMELIAS MASCOTAS

Debuxando a vida en Bamboo Art Studio

Nun local que no pasado foi tenda de gominolas e despois de roupa, desde hai un ano atópase Bamboo, un estudio de arte e coworking rexentado por Miguel Angel Rodriguez, coñecido no mundo profesional como El Compostelo. Alí ofértanse diferentes cursos de varios meses: debuxo, ilustración dixital, acuarela, lettering, cómic infantil, Photoshop, InDesign…

Miguel Ángel Rodríguez na porta do local | P. Vázquez

Unha das cousas que máis facemos cando somos nenos e que coa idade imos deixando de lado é debuxar e pintar. Unha mágoa, pois resulta unha actividade do máis divertida e relaxante que nos axuda a desenvolver a nosa creatividade. Se buscas aprender, mellorar ou retomar esta disciplina, Bamboo Art Studio é o lugar que buscas.

Hai pouco máis dun ano que este estudio de deseño e ilustración, coworking e escola artística botou a andar, e as sensacións non poden ser mellores: “De momento vai ben e seguimos a ter esta parte de experimentación contínua para intentar mellorar o máximo posible”, explica o xerente, Miguel Angel Rodriguez Touceiro, alias El Compostelo. Destaca tamén o éxito que na temporada anterior tiveron os cursos de acuarela e ilustración. Este segundo, impartido por el, é o máis completo da oferta, cunha duración de tres meses e medio. O debuxante tamén celebra o éxito que está a ter o coworking, que no pasado chegou a estar ao completo e que na actualidade comparte con outros artistas de diferentes eidos: Jorge Campos, Sergio Covelo, Serxo González e María Vázquez.

REVISTA NOVEMBRO

Outras das disciplinas que podemos atopar nesta bambusería creativa son: Banda deseñada para nenos e adolescentes, Ilustración dixital (con Studio Paint, Krita e Procreate) InDesign ou Photoshop. Este mes de setembro xa botan a andar uns cantos: ilustración, con horario de mañá (impartido por Sergio Covelo) e de tarde (impartido por El Compostelo) e debuxo dixital con Krita (Covelo) e Procreate (El Compostelo). O artista incide moito na importancia de realizar cursos de certa duración, ben estructurados nos que o alumnado note a melloría cada semana. “A miña idea é que Bamboo se convirta nun punto de encontro para artistas da cidade, especialmente ilustradores e deseñadores por cuestións de espazo. Un espazo aberto á cidadanía que impulse o músculo cultural de Vigo” explica El Compostelo.

O resto da oferta irá chegando a comezos e mediados de outubro. O curso de cómic para nenos e adolescentes, impartido por Jorge Campos, ten a particularidade de que podes apuntarte en calquera momento ao longo do ano. Aínda sen definir, Rodríguez irá engadindo diferentes talleres dunhas tres ou catro horas, entre os que posiblemente atopemos temas tan interesantes como lettering, debuxo na rúa ou creación de personaxes.

Rúa do Paraguai, 12 | bambooartstudio.com | 608 80 27 23 | info@bambooartstudio.com | @bamboostudio_vigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.