CASAACUNHA

Culebra Studio: mudar a pel

Os irmáns Cecilia e Santiago Paredes tiveron claro desde o principio que apostar pola moda vintage e polas pezas realizadas con materiais reciclados e sostibles era o único modo de avogar por unha produción téxtil máis xusta. Por iso, entre o 2010 e o 2014, ela en Pontevedra a tenda denominada La Casa Winchester, na que ambos os dous irmáns comezaron a plasmar referencias estéticas marcadas polo punk na roupa de segunda man que vendían. Esta inquedanza foi evolucionando ata que, en 2018, acabou por se converter en Culebra Studio, unha marca de roupa e de pezas novas feitas a partir de materiais ecolóxicos. Camisetas, suadoiros ou tote bags, pezas orixinais e únicas, ilustradas con deseños propios moi próximos ao graffiti e ao grunge, que loitan por despuntar nun mercado rexido polas imposicións das grandes firmas e as áreas comerciais masivas.

Banner A Movidiña

Tras Culebra Studio tamén están Ras, que se encarga canda o dueto fraternal das áreas de xestión e deseño, e mais Lúa Sálamo e Belén Veleiro, que levan a sección de serigrafía. Dentro deste estudio con nome de cóbrega atopamos coleccións como «Y2K18 Favela», a máis ambiciosa ata o momento a nivel de calidade téxtil, xa que todas as pezas están feitas con materiais orgánicos e reciclados; a colección é un reflexo da madurez creativa do estudio, xa que é un repaso a todas as influencias que moveron este proxecto desde que botaron a andar a primeira liña de produción hai catro anos. Tamén atopamos «Culebra Vintage Shop», unha continuación máis fresca, renovada e sólida da extinta Casa Winchester. A mudanza cara a un armario sostible ten moito que ver coa muda da pel das serpes, quedando claro o sentido do nome da marca.

            Culebra Studio busca na actualidade un local co que abrir unha tenda en Vigo. Entre mentres, podemos visitar o que teñen en Pontevedra (rúa de San Antoniño, 4, baixo), no que conviven deseños propios e roupa retro; e tamén os podemos visitar en Internet a través da web culebrastudio.com. Ademais, desde finais de primavera e durante o verán adoitan estar presentes en feiras e tamén en festivais, coma as recentes edicións de Loro Facu, PortAmérica, Surfing the Lérez. Non che parece que a temporada estival é un bo momento para se renovar, empezar de cero ou, en definitiva, mudar a pel? Pois faino coa máis xenuína roupa vintage e cos deseños e a de Culebra Studio!

Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.