Déborah Vukusic: “Todas as persoas teñen algo que contar, todos temos unha boa historia”
Guerra de identidade é a adaptación do poemario de Déborah Vukusic, unha obra que vai desde o testimonio poético ata o monólogo teatral onde a autora desgrana a súa vida: unha muller, metade galega, metade croata, obsesionada coa figura ausente e controvertida do pai, deportista de elite e militar na guerra dos Balcáns. Dirixida por Avelino González, a propia Déborah é a protagonista desta obra que estará sobre o escenario do Auditorio Municipal de Cangashoxe, 13 de xullo ás 22:30, dentro da programación do MITCFC.
Cando escribiches Guerra de Identidade hai 10 anos xa tiñas en mente que o ías representar en forma de obra teatral?
Pois o xérmolo do libro naceu nun obradoiro teatral no Teatro da Abadía con Ana Vallés no que o punto de partida non era un personaxe xa escrito senón preguntas persoais. Quen es? De onde vés? E a miña última intervención fora trazando dous círculos que facían intersección. Son metade galega e metade croata e o meu nome en hebreo significa abella e o apelido algo semellante a orellas de lobo. Á directora non lle fixo moita graza pero eu pensei que era un bo xérmolo. Ó rematar o obradoiro, coma nun trance, comecei a escribir o que sería a primeira edición, que saiu con Baile del Sol. Agora sae unha nova edición extendida ca Editorial Delirio e pensei que a mellor forma de vendelo era encarnándoo.
Cando fuches consciente de que a túa vida era idónea para ser transmitida en forma de libro ou de obra teatral?
Non sei se idónea é a verba máis axeitada sen caer na egolatría porque penso que todo é susceptible de se converter en materia poética. Todas as persoas teñen algo que contar, todos temos unha boa historia; só depende da ollada, da perspectiva é de como contala.
Imaxino que non debe ser sinxelo plasmar todas esas vivencias tan persoais sobre un escenario.
Non o é. Sempre é máis sinxelo achegarse a un personaxe que non teña que ver cunha mesma. Podes xulgalo, xogalo e ser máis imparcial e ata cruel; neste caso é difícil tomar distancia por non dicir imposible.
Ademais de escritora e actriz, tes realizado todo tipo de traballos ao longo dos anos. Por que é tan difícil vivir da arte en Galicia?
En Galicia e no mundo… Só un 8% dos actores viven da profesión e aquí o tecido cultural brilla pola súa ausencia. Ademais temos un pensamento claramente minifundista e iso fai que se afoguen as propostas no desleixo. Claro que hai proxectos coma o voso, este de A Movida, que nos dan unha luz de esperanza e combaten esas ideas. Bravo e grazas!
Como é traballar cun veterano da dramaturxia en Galicia como Avelino González?
É un agasallo. É un contador de toda a vida e ten unha sensibilidade moi especial. Fixemos un traballo moi duro de criba desfacéndonos de moito texto para contar os puntos máis importantes da historia e tivemos que prescindir de moitos ecos, que se van xerando ao longo do poemario. Hai que deixar cousas agochadas tamén para que as descubran os lectores.
A escenografía é mínima, polo que todo o peso da obra recae sobre a túa interpretación e sobre o que estás a contar.
Si. Pensamos en facer algo máis grande pero a historia non o necesita. Efectivamente é minimalista e o atrezzo tamén é reducido: menos de 10 obxectos. Todo cabe case nunha bici!
Como foi a reacción da túa familia despois de lanzar o poemario hai 10 anos?
Pois pasou de todo. Enfados, silencio, prantos, malos entendidos pero tamén houbo moitas emocións positivas. Penso que verse reflectidos no libro é algo non doado de asimilar. O meu pai enfadouse, o meu padrastro sentiuse ferido porque non quixo chegar ao final e unha das miñas tías sentiu ciúmes por saír menos que outros “personaxes”. Un libro ten consecuencias.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024