CAMELIAS MASCOTAS

‘Deadpan Karaoke’, de Ibuprofeno Teatro

En escena, Marián Bañobre encarna a Deadpan —un nome en inglés que vén sendo «cara morta», un rostro baleiro—, unha personaxe que non pode sentir ou expresar emoción algunha, pero que, co seu humor seco, é capaz de abordar cuestións e dilemas de alto contido existencial. «É posible o amor nesta sociedade tardocapitalista na que vivimos?», pregúntase na nova produción que Ibuprofeno Teatro presenta no Auditorio Municipal do Concello: Deadpan Karaoke.

Deadpan Karaoke | Foto: Diego Seixo

Un traballo de caracterización fantástico de Baia Fernández transforma a actriz e directora ferrolá nunha sorte de Raíña de Corazóns ao estilo de Tim Burton. A canda a directora Patricia Rodríguez, Bañobre proponnos un solo escénico ambientado nun karaoke, unha comedia participativa en que a absurdeza, a estupidez, a sorpresa, ademais da música e o cinema, tratan de dar resposta aos desacougos vitais da sociedade deste século. Un equipo disposto a dar o cante sobre as táboas do auditorio da Praza do Rei que completan Carmela Bueno na axudantía de dirección e na coreografía; Laura Porto na asesoría de dramaturxia; Violeta Martínez na iluminación e na escenografía; Mónica de Nut no deseño de son e na composición musical; Marta Valverde, Gustaf Nilsson e Javier Lueje no apartado audiovisual; María Costas na asesoría de canto; Fátima R. Varela na comunicación; e o dramaturgo Santiago Cortegoso como asesor lingüístico. Que empece o karaoke!

REVISTA NOVEMBRO

Data e hora: sábado 11; ás 20:00 h

Lugar: Auditorio Municipal do Concello

Entradas: giglon.com

The following two tabs change content below.

Ernesto Is

É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.