39.ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
«Memoria, cohesión e innovación», eses son os eixes sobre os que se articula a trixésima novena edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia que, como cada verán, converte a localidade da provincia ourensá nun punto de interese escénico e cultural para toda Galicia. Entre o 15 e o 23 de xullo, a Mostra Internacional de Teatro (MIT) ofrece máis dunha vintena de espectáculos, distribuídos entre o Auditorio Manuel María da Casa da Cultura, o Auditorio Rubén García do Castelo, a Igrexa da Madalena, así como outros espazos alternativos do rueiro de Ribadavia e periferia rural.

O programa deste ano caracterízase pola forte presenza de mulleres creadoras, entre as que destacan a arxentina Marina Otero, con Fuck me; a escritora Brigitte Vasallo,que presenta un proxecto desenvolto no marco das Residencias Paraíso; e as compañías galegas A Panadaría (Elisa e Marcela e As que limpan), Elahood (Intempestiva) e Matarile Teatro (Fráxil. Handle with care). Os espectáculos Mujer en cinta de correr sobre fondo negro, de Alessandra García; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Asfixia, de Vórtice Escénico; Homenaje a Billy el Niño, de Teatro del Barrio; ou Aquellas que no deben morir, de Las Huecas, son algúns dos pratos fortes dunha MIT con abundante programación expandida e diversas actividades complementarias.
En palabras do director artístico desta edición, Roberto Pascual, faise unha aposta «pola nosa cultura, polo legado das persoas pioneiras e os potenciais do noso territorio». O programa da MIT 2023 complétase con dous obradoiros de formación escénica, a resolución do 18.º Premio Abrente de Textos Teatrais, presentacións, homenaxes a Eduardo Alonso e, Rosa Álvarez e Luís Álvarez Pousa, ademais de estrear un servizo de conciliación familiar e unhas xornadas sobre a memoria do teatro galego. Que mellor maridaxe para unha noite de xullo que visitar a vila do teatro na comarca do Ribeiro?
Ernesto Is
Últimos posts de Ernesto Is (ver todos)
- 39.ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia - 10 Xullo, 2023
- 40.ª Mostra de Teatro de Cangas - 22 Xuño, 2023
- Heredarás el cosmos, de Anómico Teatro - 18 Maio, 2023
- ‘Materiais para un arquivo da cultura submarina. Sala NASA 1992-2011’, de Chévere - 12 Abril, 2023
- ‘ReVolta’, de Juanito y Filomena - 7 Marzo, 2023