REVISTA ABRIL

Cinco propostas do mellor teatro nacional no Teatro Afundación

De outubro a decembro terá lugar unha nova Tempada no Teatro Afundación, na que visitarán a nosa cidade cinco novas propostas de gran nivel como Divinas Palabras, La Strada, Perfectos Desconocidos, Toc Toc e Muerte en el Nilo. O abono estará á venda a partir do 30 de maio na seguinte ligazón.

Fotografía da representación de Perfectos Desconocidos, de Daniel Guzmán

Xa coñecemos as cinco obras que formarán a próxima Tempada do Teatro Afundación. María Adánez, Antonio Pagudo, Alicia Borrachero ou Adriana Torrebejano son algúns dos intérpretes que visitarán o a nosa cidade de outubro a decembro.

O 11 de outubro comezará a tempada con Divinas palabras, unha peza de Valle-Inclán dirixida por José Carlos Plaza e coa interpretación de María Adánez e Charo López. Continuará o día 20 de outubro con La strada, a versión para teatro do clásico de Fellini dirixida por Mario Gas e cun elenco conformado por Alfonso Lara, Mar Ulldemolins e Alberto Iglesias.

Tras o éxito da adaptación cinematográfica realizada por Álex de la Iglesia da película de Paolo Genovese, chega a Vigo a versión teatral de Perfectos desconocidos, dirixida polo actor, cineasta e dramaturgo Daniel Guzmán e á que darán vida Alicia Borrachero, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Elena Ballesteros, Jaime Zataraín, Ismael Fritschi e Inge Martín. Será o 14 de novembro.

REVISTA ABRIL

O 8 de decembro será a representación de Toc toc, de Laurent Baffie coa dirección de Esteve Ferrer, unha produción que leva en cartel dez tempadas e que agora podemos atopar en forma de película no catálogo de Netflix baixo a dirección de Vicente Villanueva. Conta cun elenco conformado por Carmen Arévalo, Esteve Ferrer, Laura Hernando, Sara Moros, Paco Obregón, Fran Sariego e Ana Trinidad.

Finalmente o 19 de decembro pecharase a tempada coa adaptación teatral de Muerte en el Nilo, de Agatha Christie, unha versión con música en directo dirixida por Víctor Conde e coa interpretación de Adriana Torrebejano, Pablo Puyol, Cisco Lara, Ana Rujas, Ana Escribano, Miquel García, Sergio Blanco, Lorena de Orte, Paula Moncada e Dídac Flores.

Os abonos, dispoñibles aquí a partir do 30 de maio por 60€, supoñen un 20 % de desconto con respecto ao prezo do billete individual. Ademais, haberá unha serie de bonificacións e descontos para desempregados, xubilados e mozos que supoñen unha rebaixa adicional dun 10 %.