CAMELIAS MASCOTAS

CreaVigo encherá as rúas da cidade de eventos de arte urbana

Do 5 ao 7 de xuño celébrase o CreaVigo que reunirá en diferentes espazos da cidade actividades relacionadas coas artes plásticas, a ilustración, a música e a danza contemporánea.

REVISTA NOVEMBRO

A arte urbana tomará as rúas de Vigo do 5 ao 7 de xuño coa celebración de “CreaVigo”, un programa de creación artística en directo que reúne as artes plásticas, a ilustración, a música e a danza. O evento terá como “escenarios” a Praza de Compostela, a rúa do Príncipe, a Praza da Princesa e a Porta do Sol e contará coa participación de estudantes de varios centros da cidade, a Fundación Igualarte e a Escola de Artes e Oficios.

Paula Cabaleiro, coordinadora de CreaVigo destacou, esta mañá na presentación do evento, que o obxectivo deste programa é “democratizar a cultura contemporánea levándoa á rúa e, deste xeito, facer cidade”. Entre as oito actividades do programa, destacou o espectáculo de percusión e coreografía Trópico de Grelos, o mércores 6, “que arrastrará ao público do Sireno ata Urzáiz cunha música adictiva”, asegurou a coordinadora.

Para os máis pequenos, o mercores 6, a actuación da compañía Traspediante, un espectáculo de danza-circo “que inclúe acrobacias e funambulismo”. Isabell Seide, pola súa banda, ofrecerá tamén o xoves pola tarde un taller de ilustración pola zona vella da cidade. “Propoño debuxar na rúa e mostrar os distintos puntos de vista que cada un pode ter dun mesmo espazo”, describiu a pintora. A escultura chegará da man de Román Corbato, que creará unha peza na Praza de Compostela en colaboración coa Escola de Artes e Oficios. “A idea é que a xente a percorra e interactúe con ela”, asegurou o artista. “Traballar no espazo público é un reto e unha responsabilidade”, concluíu.