CPR Quiñones de León
O colexio Quiñones de León está situado na Travesía de Vigo, 36, e leva na nosa cidade desde o ano 1974. Este centro caracterízase polo respecto á liberdade e á pluralidade de ideas. Trátase dun colexio laico e concertado, cunha soa liña, con ambiente familiar e unha atención personalizada ao alumnado.
Impártense as etapas educativas desde os 3 ata os 16 anos: infantil, primaria e secundaria. O horario en educación infantil e primaria é de xornada continua (9:00 – 14:00). En secundaria, o horario é de xornada continua (8:30 – 14:10), con clase os martes pola tarde (16:00 – 17:40)
Co obxectivo de favorecer a conciliación, o centro ofrece os servizos de aula matinal (7:30 – 9:00), comedor (14:00 – 16:00) e actividades extraescolares (15:30 – 17:00). O comedor é de catering e todo o alumnado ten praza garantida. A empresa que xestiona o comedor coida que os menús estean adaptados ás características de todo o alumnado.
Atención ao alumnado
O centro conta con departamento de orientación, integrado por unha orientadora e profesoras especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe.
Idiomas
En infantil contan con dúas horas á semana de inglés. A etapa de educación primaria cuenta con sección bilingüe en galego e inglés na materia de Natural Science, desde 1º de Primaria. E o alumnado de secundaria sempre participa no PILI Vigo, o Programa municipal de Inmersión de Lingua Inglesa.
Proxectos
Trátase dun colexio involucrado e participativo en varios proxectos educativos impulsados desde o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia, o Faro de Vigo ou Normalización Lingüística. En educación primaria, para afondar no desenvolvemento das competencias clave do alumnado, cada curso propón anualmente un proxecto baseado nun tema de interese, a través do que se traballan de maneira conxunta e transversal todas as competencias nas diversas materias. Estes proxectos marcan ademais o desenvolvemento temático das celebracións que se conmemoran no centro. A boa acollida destes proxectos entre o alumnado provoca que cada ano se esforcen máis para superalos.
Biblioteca
O centro ten una ampla biblioteca con material de préstamo adecuado para todas as etapas escolares, bibliografía de consulta en sala, materiais manipulativos e xogos orientados a desenvolver a competencia lectora entre o alumnado. Este espazo é tamén un punto de encontro para levar a cabo diferentes actividades, como charlas ou contacontos. A biblioteca busca involucrar o alumnado para realizar actividades entre as distintas etapas educativas.
Travesía de Vigo, 36 | 986 278 089 | cpr.quinones.leon@edu.xunta.gal | https://quinonesdeleon.es
Portas abertas
O colexio realiza visitas á escola con cita previa chamando ao 986 27 80 89 ou través do formulario online da súa web.