#correcontraelvirus, unha carreira solidaria para loitar contra o COVID-19
Os adestradores @angelag_trainer e @ivanvisRCD, titulados en TSAFD e estudantes do grao de CCAFYD, acaban de lanzar unha carreira solidaria virtual de 3 quilómetros baixo o cancelo #CorreContraElVirus. Todo o recadado nas inscricións irá destinado ao SERGAS para apoiar a loita contra o COVID-19.
Os pasos son moi sinxelos. Soamente hai que inscribirse neste enlace e realizar un pago de 2 euros con opción a aportar máis cantidade da mínima ou de inscribirse e non participar na carreira. Pero se es dos que lles gustan os retos, recibirás un correo electrónico co teu dorsal e xa poderás comezar a túa carreira non competitiva. As modalidades para completar os 3 quilómetros son moi variadas: correndo en cinta, pola casa, camiñando, bailando, facendo diferentes exercicios, todo vale ata cumprir os metros necesarios. Cando os teñas, só haberá que subir unha captura da aplicación que empregaras para rexistrar o movemento (os organizadores aconsellan usar Steps App), subila ao teu perfil de Instagram e mencionar as contas @correcontraelvirus, @angelag_trainer e @ivanvisrcd co cancelo #correcontraelvirus.
O prazo para participar comezou o 26 de abril e remata o próximo 10 de maio. Ademais de moverse e apoiar unha boa causa, o teu dorsal entrará no bombo de numerosos sorteos que os organizadores farán ao rematar. Entre os agasallos hai una camisola de Iago Aspas e Iván Villar (xogadores do RC Celta), unha tablet, unha tatuaxe, unha camisola do CD Lugo, gafas, libros, cestas de comidas ou suadoiros.