UVIGO
FILLOAS

Nace A Nubeira, o centro social para loitar en comunidade contra o desmantelamento cultural

O centro social de recente creación A Nubeira celebra unha xornada de presentación en Churruca. A Nubeira vén cubrir un oco ata agora baleiro en Vigo, un centro social autoxestionado pola cidadanía á marxe das institucións, desde o que impulsar demandas sociais e actividades culturais.

O vindeiro día 14 de xuño, venres, será a presentación oficial do proxecto CS A Nubeira, un centro social autoxestionado que está a traballar para impulsar demandas sociais e actividades culturais nunha cidade que consideran “caracterízase por unha notable perda de tecido asociativo e cultural”. O evento será na zona de Churruca, e incluirá varios concertos e sesións de DJ na Sala Kominsky, organizados xunto á plataforma Grupos de Vigo en Loita, así como un bingo-performance no bar Tinta Negra, da man de Petra Porter. O recadado ao longo da xornada servirá para sufragar os gastos da creación da nova iniciativa.

O obxectivo do proxecto do CS A Nubeira é “crear un espazo de encontro para a veciñanza e os movementos sociais á marxe das institucións, un espazo transformador que non existe a día de hoxe en Vigo”. Xurdiu a partir dunha convocatoria en redes sociais o 12 de xaneiro que logrou xuntar a máis de cen persoas nunha primeira asemblea. Agora, despois de meses de traballo, preséntase o nome que terá o futuro centro, A Nubeira, inspirado nos Nubeiros, personaxes presentes na mitoloxía do norte da península, capaces de controlar as nubes, a chuvia e as treboadas. A Nubeira que nace en Vigo faino coa vontade de de “crear un raio luminoso onde nos amalgamar en comunidade”.

Para as persoas impulsoras desta iniciativa, a perda de tercido asociativo e cultural da cidade “nótase especialmente canto máis nos achegamos ao centro da cidade, que está cada vez máis pensado para o turismo e as empresas e menos para a xente que vivimos en Vigo”. Algo no que coinciden desde o colectivo de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita, que colabora co evento. Teñen exemplos dabondo: os peches de diferentes locais de ensaio públicos nos últimos anos, como Vigosónico, a Casa da Xuventude ou Súbete ao Castro; ou “as cancelacións de concertos por parte da Policía Local en diferentes puntos da cidade, que agora están afectando ata ao mesmísimo Terraceo”, critican. Tamén reproban a postura do goberno municipal de non incluír bandas locais nas programacións públicas. “O Concello nin sequera cumpriu a súa propia promesa de facer o festival Rock in Vigo de bandas viguesas e galegas como dixeron que farían o verán pasado”, lembra a plataforma.

A xornada de presentación do CS A Nubeira comezará ás 19:00, co bingo a cargo da artista Petra Porter no Tinta Negra. Posteriormente terá lugar a lectura do manifesto do proxecto polas rúas de Churruca. A partir das 21:00 comezarán os concertos na Kominsky, cos grupos vigueses Karracho, Green Poison e Flying Stool, tendo a entrada aos mesmos un prezo de 5€. Estes darán paso, ás 23:30, ás sesións das DJ LVLX, Nahgga e Sofiestas.

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.