CAMELIAS MASCOTAS
Coque Malla

Coque Malla, un concerto para repetir

Eran ás 9:15 cando Coque Malla saíu ao escenario do Mar de Vigo. Un escenario que destacaba pola súa sobriedade. Este non ía ser un espectáculo visual, senón un concerto no que saborear de cada un dos sons que saían do cuarteto de corda e o piano que rodeaban ao cantante sobre as táboas.

REVISTA NOVEMBRO

Coque Malla iniciou onte en Vigo a minixira Irrepetible, unha serie de concertos nos que cambia a banda por un cuarteto de corda formado por un violonchelo, unha viola e dous violíns e un piano. Unha opción arriscada para alguén de orixes roncarraleiras coma el. Mais, Coque non defraudou. Hora e media de concerto no que o público puido gozar dos temas nun formato diferente ao que estaba acostumado a escoitalo.

Comezou o concerto presentando aos músicos que o acompañaban, enfundado nun pantalón e chaleco branco e unha camisa negra e tocando o tema ‘La Señal’ do seu disco ‘El último hombre en la Tierra’. Seguíronlle ‘Santo, santo’ e ‘La mujer sin llave’ do seu último traballo. Coque Malla amosouse contento de “de por fin de tocar en Vigo”. A última vez que o fixo foi fai cinco anos nun concerto para unhas duascentas persoas no Ensanche, onte o artista logrou case encher o Mar de Vigo. Soaron despois os temas ‘El último hombre en la tierra’ e ‘La carta’. A continuación chegaría un dos momentos máis especiais do concerto coa interpretación do tema ‘Berlín’ unha cidade á que o cantante lle rende homenaxe neste tema porque como el mesmo explica “trátase dunha cidade catro veces maior en tamaño que Madrid e ten a metade de poboación. Iso dá unha sensación dominical ao camiñar por ela, unha sensación de tranquilidade”.

Sentado nunha banqueta o espectáculo continuou con ‘El cambio interior’, ‘Termonuclear’ de letra de Iván Ferreiro, ‘Una moneda’ e ‘My beautiful monster’. A continuación, aproveitou a natureza do espectáculo para facer unha homenaxe ao “mestre” a Frank Sinatra, na que tamén participou o seu irmán, Miguel Malla, co saxo. O concerto xa estaba a chegar ao fin e Coque Malla fixo cantar ao auditorio cun dos seus temas máis populares ‘No puedo vivir sin ti’, para despedirse con ‘Despierto’. Tras un breve espazo de tempo, o músico volveu saír ao escenario para tocar tres temas máis cos que acabaría de engaiolar ao público: ‘Hasta el final’, ‘Quiero volverte a ver’ e ‘Me dejó marchar’. Moi ben situada esta última no repertorio, pero o auditorio non quería marchar e ergueuse para aplaudir durante longo rato a Coque Malla, que onte deixou demostrada a súa versatilidade cun espectáculo íntimo no que consigue emocionar ao público.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.