CAMELIAS MASCOTAS

Coñecendo a Laxeiro

Malia que a sona mediática que ten é moito menor que a da súa irmá literaria, a Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea cada ano un artista do país para recoñecer e poñer en valor a obra que asinou. Este recoñecemento foi a parar en 2022 a José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro.

Laxeiro diante da carnavalada de 1931

A obra pictórica de Laxeiro fusiona modernidade e tradición e mostra o lado menos compracente da cultura popular galega. O característico claroscuro deste pintor retrata con imaxinación escenas cotiás, nas que o grotesco e a festividade van da man. Cun estilo non figurativo, afastado do realismo e do naturalismo, imprime con precisión a estética granítica tan popular dos Renovadores, o grupo artístico que formou con outros nomes como Colmeiro, Rafael Dieste, Carlos Maside ou Luís Seoane.

A vida de José Otero está marcada polo movemento: naceu na parroquia lalinense de Donramiro, medrou na Habana, abriu unha perruquería en Lalín, frecuentou  tabernas de Vigo, estudou arte en Madrid, foi profesor en Pontevedra, emigrou á Arxentina e viaxou polo Uruguai, por Francia e polos Países Baixos ata que decidiu retornar definitivamente, finando na nosa cidade en 1996 aos 88 anos. É aquí onde ten a sede a Fundación que leva o seu nome, constituída dous anos despois do pasamento e encargada de «custodiar, conservar e difundir a Colección permanente» que o artista lalinense doou á cidade de Vigo, ademais de «apoiar e difundir a obra de novos creadores», desexo que expresou o pintor en repetidas ocasións. A amplísima obra —máis de 3.500 referencias—  foi catalogada por esta organización en 2009, converténdose na primeira clasificación tan exhaustiva dun artista galego.

REVISTA NOVEMBRO

Nos últimos anos apareceron máis obras do autor en coleccións privadas, algunhas delas presentes en Laxeiro descoñecido I, exposición dispoñible no terceiro andar da Casa das Artes ata primeiros de xuño.  Esta é só unha das moitas actividades que van ter lugar no Ano Laxeiro en diferentes lugares da xeografía galega. Ademais dos correspondentes actos oficiais, o día 1 deste mes foi a data escollida para presentar na sede da Real Academia Galega de Belas Artes, na Coruña, a exposición Acción Laxeiro, protagonizada por un cadro pintado polo artista en 1987 durante a inauguración dunha mostra en Santiago de Compostela. Esta performance foi fotografada, entre outros, por Xurxo Lobato, cuxas imaxes tamén cubrirán as paredes do edificio herculino. Pola súa banda, o Concello de Lalín financiou un documental de media hora sobre a figura do seu veciño, titulado Laxeiro, sempre Laxeiro, dirixido por Emilio Fernández: «Non hai mellor forma de comunicar a súa obra que a través dunha peza audiovisual; queremos achegar a figura e o valor humano dunha maneira amena e sinxela», explica o realizador. Por Lalín, Santiago, Madrid e París viaxará unha exposición centrada na época arxentina de Laxeiro, unha iniciativa da Xunta de Galicia comisariada por Carlos López. En Vigo, o Museo Marco prepara para o outono unha mostra sobre Laxeiro e a pintura española do seu tempo, que ofrecerá unha visión diferente e novas lecturas desta obra. Antes, en xuño, a Fundación Laxeiro achegará a segunda entrega de Laxeiro descoñecido, ademais de continuar coas actividades didácticas, visitas guiadas e labores de investigación e catalogación.

Outras galerías que visitar

Ademais hai varios espazos de hostalería, como o Café Uf, o café La Galería, o restaurante La Marujita ou atapería Alium, que acollen nos seus muros diferentes exposicións.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.