VIALIA
bannerPicnicSesions

Oito obras inéditas para celebrar o Ano Laxeiro

A Fundación Laxeiro inicia o Ano Laxeiro, con motivo do acordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar ao pintor o Día das Artes 2022, coa primeira de dúas exposicións que, co título xenérico Laxeiro descoñecido, amosará unha coidada selección de obras inéditas, localizadas despois da publicación do Catálogo Universal do artista en 2009. Estará dispoñible ata o 5 de xuño.

O traballo de investigación é quizais a faceta menos coñecida das fundacións culturais e os museos. Dentro da investigación, a localización, autenticación e catalogación de obra de Laxeiro, é unha tarefa constante que a Fundación Laxeiro vén realizando dende o seu inicio, o que posibilitou a publicación do Catálogo Universal do artista en 2009, con tres mil cincocentas obras catalogadas, sendo a primeira catalogación exhaustiva dun artista galego. Dende aquel ano ata hoxe, a Fundación Laxeiro continuou con este labor, que non sería posible sen a colaboración desinteresada dos membros do seu comité artístico. Laxeiro descoñecido proponse como unha serie de dúas exposicións que mostran unha exquisita selección de obra catalogada despois de 2009, que ata o momento permanecía inédita para o público.

REVISTA ABRIL

A primeira achega é a que agora presentamos, composta por pinturas e debuxos datados entre os anos trinta e principios dos anos cincuenta que amosan as principais características da estética do Laxeiro da época, concretadas nunha figuración non realista, fascinada polo popular e o grotesco, en sintonía coas figuracións europeas da primeira metade do século XX; a estética granítica que Os novos adoitaron como característica diferencial e tamén un certo tenebrismo, que dá continuidade ás formulacións de outros artistas españois, como o madrileño José Gutiérrez Solana. En Laxeiro debemos engadir unha imaxinación prodixiosa, coa que se situaba no pensamento máxico da tradición europea medieval e unha habilidade natural para o debuxo e a pintura, o que lle permitía alternar linguaxes diversas con facilidade.

Composta na súa totalidade por obras procedentes de coleccións particulares, a exposición detense en temáticas que caracterizaron a pintura do artista nos anos trinta, como as escenas de entroido, nas que Laxeiro, ademais de plasmar unha realidade cultural concreta -característica da tradición rural galega que el coñecía ben- ofrece unha mirada esperpéntica do xénero humano, nun contexto histórico no que os acontecementos políticos internacionais estaban deixando unha pegada de decepción e falta de esperanza. O mundo infantil é tamén unha constante na obra de Laxeiro que, para el, significa un ámbito de liberdade e inocencia.

A súa linguaxe plástica é, dende ben cedo, unha linguaxe libre de academicismos que, naqueles anos, adoita a coñecida como estética granítica, caracterizada pola aplicación de abundante pigmento, normalmente aplicado con espátula, co que o artista consigue unhas calidades moi achegadas á escultura en pedra e uns acabados nos que o debuxo se vai concretando a través da mancha pictórica, cun resultado no que o xesto gaña un evidente protagonismo.