Concurso de mecos e festa desde o balcón, as propostas da AV Casco Vello para este Entroido
Que o Entroido en Vigo non se vai celebrar polas rúas este mes non colle a ninguén por sorpresa. Iso non implica que teñamos que prescindir da actitude festiva nin dalgunhas das súas tradicións, como os mecos, a troula ou a gastronomía. Desde a Asociación Veciñal do Casco Vello propoñen unha forma alternativa de celebrar estas datas tan marcadas.
Pasar un Entroido tranquilo non vai acorde coa comparsa decana de Vigo, Os Tarteiras, cuxa orixe remóntase ao ano 1979. Por iso, xa que non poden saír á rúa, propoñen facer a festa desde os balcóns do Casco Vello, para que se note en que datas estamos. Unha forma de chamar á atención e de tomarse con humor estes momentos tan duros. Coméntase que na zona de Poboadores están a argallar unha boa…
Por outra banda, nace o 1º Premio de Pobre-Mecos do Entroido, onde convidan á veciñanza a realizar estes tradicionais seres e colocalos nas rúas e nas prazas da Zona Vella. O venres 12 e sábado 13 o xurado paseara polo barrio para decidir cales levarán os premios, e o domingo 14 serán entregados, na mais estrita intimidade, cumprindo o protocolo COVID-19. Valorarase o enxeño, o traballo e a simpatía; a temática é libre, así como o deseño e os materiais.
Desde a Asociación tamén queren promover que a xente saia á rúa disfrazada, xa sexa a mercar o pan ou a traballar, e que nas casas se consuman produtos típicos do Entroido, como o cocido, laconada, orellas, filloas… Os premios do concurso de mecos serán unha paleta de xamón para o vencedor; lacón, chourizos e grelos para o subcampión; e unha fonte de fourellas de Entroido para o terceiro clasificado. Nos premios especiais atopamos rosquillas de anís, flores de Entroido ou filloas.