COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Os Merdeiros volverán mofarse dos veciños do Casco Vello este Entroido

O pasado domingo os Merdeiros fixeron a súa primeira incursión no Casco Vello deste 2018. O fixeron acompañados dun grupo de 60 rapaces que se estaban a iniciar na arte de merdear. Tras este aperitivo, os vindeiros días de Entroido os Merdeiros volverán encher as históricas rúas da cidade cos seus saltos, as súas mofas e as súas falcatruadas.

O obxectivo dos merdeiros é un: incordiar a todo aquel con quen se cruzan. Así o farán o próximo venres pola tarde e durante todo o día do domingo e martes de Entroido en Vigo. “Tratamos de molestar a xente que anda pola rúa. Facémoslle a burla, algún xogo, finximos que lle imos roubar o bolso, incluso os manchamos un pouco con fariña”, explica Adrián Román un dos membros da Asociación Etnográfica ‘A Merdeira’. Adrián recórdannos que a esencia do Carnaval é precisamente a de “incumprir as normas”. Foi precisamente esta faceta rebelde a que fixo que nos anos 20 se prohibise a figura do Merdeiro ao igual que se prohibiron personaxes típicas dos entroidos que se celebran noutras partes de Galicia. “Era unha época na que primaba o Entroido de estilo burgués con grandes carrozas e bailes de antefaces”, sinala Otero e engade que a figura do Merdeiro incomodaba as autoridades.

Grazas a un estudo realizado por Xerardo Santomé no 2005 púidose recuperar a figura do Merdeiro na cidade de Vigo e no 2006, despois de máis de 80 anos, os Merdeiros volveron saír a rúa. Orixinariamente, os merdeiros eran os mariñeiros que no tempo de Entroido vestíanse de labregos para mofarse deles. Segundo explica Adrián, existía unha rivalidade na cidade entre a xente do mar e os labregos que baixaban de Matamá, Cabral, Castrelos… a baleirar os pozos negros. Estes labregos recibían o nome de escabicheiros e ademais da limpeza dos pozos negros, recollían as sobras do peixe e o argazo (algas) para abonar os campos. “Precisamente por este motivo as máscaras que levan os merdeiros son feas, querían algo grotesco, feo, que asustase a xente e que lles servise para mofarse dos labregos”, comenta Adrián.

SONRIAS

Pouco a pouco e grazas a labor que a Asociación Etnográfica ‘A Merdeira’ leva feito nestes 12 anos o Merdeiro é xa un indispensable do Entroido vigués. Se os atopas pola rúa mellor que non lles escapes porque serás un branco seguro!