REVISTA ABRIL

Este domingo chega a primavera ao Casco Vello coa Festa dos Maios

A tan ansiada primavera está por fin aquí e esta fin de semana toca celebralo. O domingo, a Asociación do Casco Vello organiza a tradicional Festa dos Maios que este ano se celebrará na praza do Berbés. Dende a mañá haberá actividades para os nenos e as 18:00 será a representación.

REVISTA ABRIL

A primavera e o inverno veranse a cara este domingo na praza do Berbés. A tradicional festa dos Maios celébrase este domingo no Casco Vello cunha xornada de actividades e música que culminará coa representación dramatizada dos Maios.  Este acto, creado pola asociación a comezos do 90, ten dous protagonistas: O inverno que será o primeiro en aparecer, acompañado dunha música lúgubre e imaxes que invocan o mal, como os machos cabríos ou os corvos; e a primavera que sairá despois nunha plataforma adornada con flores e acompañada por danzas tradicionais de cintas e arcos. Despois da disputa, na que o inverno resístese a marchar, a primavera acaba gañando e é, entón, cando entra en escena o cuco, cuxo canto anuncia a chegada do tempo cálido. A continuación, aparece o Maio, unha enorme construción floral armada polos propios veciños.

As actividades comezarán xa de mañá. A partir das 10:30 haberá diferentes obradoiros para os pequenos da casa na praza do Berbés. Ás 12:00 sesión de contacontos con Codia e Miolo e ás 13:00 actuará a escola de baile tradicional do Casco Vello. A Asociación do Casco Vello ten organizado un xantar popular para a veciñanza e a partir das cinco da tarde volve a festa coa actuación da banda de gaitas do Casco Vello. A representación, programada para ás seis da tarde culminará coa actuación do grupo Os Viqueiras.

Na 36º edición da Festa dos Maios a asociación quere homenaxear ao Instituto Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo que cumpre 20 anos asentado na Praza Tenente Almeida. Cada ano dende a organización adoitan recoñecer a labor dunha persoa ou colectivo que ten tido unha traxectoria importante na difusión da cultura e do coñecemento do barrio. Nesta ocasión, réndenlle homenaxe ao Camões porque dende que se instalaron no barrio, no ano 1998, foi un foco de onde irradiou a cultura portuguesa. Ao tempo, souberon manter unha excelente relación de cooperación coa propia asociación e con outras entidades sociais e culturais que traballan a prol do barrio. O domingo recibirán un maio en cerámica realizado por Emilia Guimeráns.