CAMELIAS MASCOTAS

O Concello apoia a folga do 8M e programa varias actividades para conmemorar o Día da Muller Traballadora

O Concello de Vigo apoia a folga feminista convocada para este xoves e tódalas mulleres do goberno local se sumarán ao paro. Ademais, a Concellería de Igualdade ten programadas varias actividades para conmemorar o 8M que arrancan hoxe mesmo e que se desenvolverán ata o 27 de marzo.

REVISTA NOVEMBRO

Representantes do Consello Municipal da Muller presentaron o programa de actos do Día Internacional das Mulleres.

Cine, música, recital de poesía, carreira popular ou unha visita guiada son algunhas das actividades que a Concellería de Igualdade ten programadas durante este mes de marzo para conmemorar o Día da Muller Traballadora. O acto central de todas estas actividades ten lugar o día 8 coa folga feminista convocada en todo o país. Uxía Blanco, concelleira de Igualdade, confirmou hoxe en rolda de prensa que tanto ela como tódalas súas compañeiras se sumarán ao paro convocado para este xoves. Unha folga que xira en torno a catro eixos: un paro de coidados, un paro de consumo, un paro estudantil e un paro laboral.

Co afán de converter marzo no mes da igualdade, dende a concellería teñen programadas varias actividades de balde que arrancan esta mesma tarde coa proxección no Auditorio do Municipal do filme ‘La Fuente de las Mujeres’. O venres 9 entregarase o VI Premio de Igualdade Ernestina Otero que nesta ocasión recaerá en Ana Gandón Menduiña. O sábado haberá contacontos de igualdade para os pequenos e a artista viguesa Wöyza actuará a partir das 20:30 horas da tarde no Salón de actos do Museo MARCO. O domingo tódolos vigueses e viguesas están convocados a moverse pola igualdade coa carreira Vigual que comeza e remata na Porta do Sol, 4km que se poden facer correndo, andando ou bailando. O luns día 12 se celebrará na Casa Galega da Cultura un recital de poesía aberto, no que tódolos poetas e afeccionados a poesía están convidados a participar. Para achegarnos á vida de mulleres viguesas que marcaron a historia, o sábado 24 se celebra unha visita guiada polo roteiro feminino Sons de Mulleres que sairá ás 11:30 do Paseo de Alfonso.

Durante o mes de marzo, tamén haberá moito cine en clave de muller. O martes 13 proxectaranse as curtas ‘Matria’ de Álvaro Gago que acaba de ser premiada nos Mestre Mateo, ‘Cruz Piñón’ de Xisela Franco e ‘Bata por fóra (muller por dentro)’ de Claudia Brenlla na Casa Galega da Cultura. Neste mesmo espazo o xoves 15 proxectarase o filme ‘Doli, Doli, Doli… coas conserveiras’ da polifacética artista Uqui Permui. Todo este ciclo de actividades péchase o martes 27 no Auditorio Municipal coa proxección de ‘Persépolis’ un filme de Marjane Satrapi e Vicent Paronnaud.

(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello

(GMT+01:00) Praza 8 de Marzo

(GMT+01:00) Museo Marco

(GMT+01:00) Porta do Sol

(GMT+01:00) Casa Galega da Cultura

(GMT+01:00) Casa Galega da Cultura

(GMT+01:00) Casa Galega da Cultura