REVISTA ABRIL

Vigo encherase de actividades para conmemorar o 50 aniversario da Folga de 1972

Existen fitos históricos que sinalan o camiño do futuro. Ese foi o caso da Folga industrial viguesa de setembro de 1972 que, en pleno Franquismo, conseguiu paralizar a cidade chegando a sumar máis de 15.000 traballadores. Para conmemorar esta data tan relevante e evitar que caia no esquecemento, xurde unha plataforma polo 50 aniversario que pretende poñer en valor esta fazaña e realizar numerosas actividades ao longo de todo o ano.

Son moitos os exemplos que dan fe da imaxe de cidade proletaria e industrial que caracterizan a Vigo. Libros como Todos con Vigo de Isidoro Roman e Marxes (Guía ilustrada do Vigo rebelde) de Xurxo Martínez, ou documentais como Vigo 1972 de Roi Cagiao dan boa mostra diso. Este ultimo fito, o da Folga industrial de 1972, foi un dos máis grandes feitos históricos do proletariado galego, que conseguiu paralizar a cidade máis grande de Galicia ao longo de 18 xornadas. Unha expresión de solidariedade do mundo do traballo e de conciencia de clase que demostrou que unha clase obreira coordinada e unida é imparable.

REVISTA ABRIL

Para lembrar a esencia desta memoria proletaria, e non como exercicio de nostalxia, nace unha plataforma formada por traballadores do metal, sindicalistas e participantes daquela folga, que busca dignificar e recuperar estas lembranzas, evitando así a seu esquecemento da memoria colectiva e nos medios de comunicación. Por isto, no 50 aniversario desta Folga preparan un ano cargado de actividades e eventos para involucrar á cidadanía nesta efeméride tan crucial en Vigo e en Galicia. A súa presentación pública foi este martes ao mediodía, fronte á cancela de Vulcano.

Todos estes actos aínda non están confirmados nin teñen datas, pois algúns dependen de permisos municipais, pero si adiantaron de que se tratan algúns deles: creación dunha páxina web, roteiros por lugares clave nas revoltas obreiras de Vigo, publicacións de libros e banda deseñada, un concerto en Castrelos e a colocación dunha escultura de ferro e granito na Zona Franca, fronte a Citroën (lugar onde se orixinou a Folga de hai medio século).

Na súa conta de Facebook xa están publicando diferentes documentos da época, como recortes de xornais ou fanzines. Un caso curioso, comentan, é a ausencia total de material fotográfico daquela revolta, pois normalmente se utilizan imaxes tomadas noutras folgas, como a de Ascón de1978, para ilustrar nos medios este evento. Desde a organización insisten que ten que haber fotografías nos arquivos da policia, Guarda Civil e do Exército, ou mesmo nalgún arquivo persoal, e agradecen calquera colaboración neste aspecto. Toda información é ben recibida en vigosetembro1972@gmail.com.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.