A hora do bocadillo
–¡Gandulo! ¡Lacazán! ¡Borrachón!
–Boeno… Xa empezamos con indireutas!…
Castelao publicaba esta e outras viñetas no diario Faro de Vigo, compilada despois en Cousas da vida, un compendio de escenas que retratan con ironía situacións como a pobreza, o caciquismo ou a emigración de hai case un século. O intelectual xa imprimira a sinatura en historietas publicadas na revista Vida Gallega, fundada en Vigo en 1909. Con todo, o de Rianxo non foi o pioneiro da banda deseñada galega. Como di Octavio Beares no seu exhaustivo estudo A historia do cómic en Galicia (Editorial Galaxia), «a mediados do século XIX existen as bases para que florezan os cómics en Galicia: un panorama político e social convulso propicio para a sátira, uns adiantos técnicos, unhas leis liberadoras e unha evolución temática e estilística dos diarios rexionais». Beares sinala o coruñés Román Navarro García de Vinuesa como o primeiro historietista do país en 1880, que ademais foi mestre de Pablo Picasso na Escola Arte da Coruña en 1891.
Na década dos setenta, o ferrolán Xaquín Marín e mais o coruñés Reimundo Patiño eríxense como os pais do cómic galego moderno coas pezas O home que falaba vegliota, O emigrante e, especialmente, a obra a catro mans 2 Viaxes, reeditada recentemente en Vigo pola Editorial Elvira. Dunha xeración posterior é o vigués Pepe Carreiro, autor da serie infantil Os Bolechas, que foi unha figura imprescindible da nosa banda deseñada coa creación das revistas Can sen dono e XO!. Canda o seu amigo Antón Mascato, este ano recibiu a encarga de converter en viñetas a vibrante vida de Francisco Fernández del Riego. «Polo xeral, as biografías falan dun fulano que nace, medra, se reproduce e morre. Iso pode ser un aburrimento. Eu quixen centrarme nas anécdotas, utilizando a imaxinación e creando páxinas atractivas visualmente que funcionen case como carteis», explica Carreiro. Malia non ter relación en vida con Del Riego, o artista lembra que o viu moitas veces polas rúas da nosa cidade. «Iso valeume para caricaturizalo; ten unhas características físicas que facilitan moito o traballo», engade.
Vigo sempre gozou dunha produción de revistas profesionais e fanzines moi importante, como Esquizoide, a amentada Can sen dono, Interlínea, Tintimán ou Fuck Comics… Con esta última revista independente colaborou o debuxante Álex Cal Oliveira, un vigués cuxa paixón prendida polas series de animación emitidas a través do Xabarín Club lle fixo saber desde os dez anos tiña que se quería dedicar aos debuxos cando medrase. E así foi: anos despois xa estaba traballando para o mercado estadounidense con números de Batman, Constantine, Iron Man, Spider-Man, Wonder Woman ou X-Men. Con todo, este debuxante vigués non romantiza o feito de traballar para DC Comics ou Marvel Comics: «Desde fóra parece que alí só chegan os mellores, pero cando estás dentro decátaste de que é un traballo coma calquera outro, con condicións que non son as que a xente pensa e con situacións laborais que son menos serias do que se espera. Cos anos váiseche quitando a parveira», confesa o recoñecido artista, que asina co sobrenome ACO. Aínda que resulte tentador publicar con estes colosos do mundo editorial, este profesional pensa que hai outras moitas alternativas onde desenvolver o traballo «sen a necesidade de estar atado a unhas corporacións que son donas duns personaxes cos que che van permitir xogar só ata certo punto».
A finais do pasado mes de marzo, o artista Miguelanxo Prado, posiblemente o autor galego de banda deseñada máis relevante da nosa historia, anunciou a renuncia como director de Viñetas desde o Atlántico, o salón do cómic da Coruña que fundou hai 25 anos. O herculino cualificou de «suplicio» a organización desta feira nos últimos tempos, e denunciou que «coas regras do xogo actuais, o modelo non é viable». En Vigo, tras o exitoso debut do ano pasado, o máis humilde festival Banda á Feira programa a edición deste ano na segunda semana deste mes de maio: venres 12, sábado 13 e domingo 14.
Detrás deste certame que leva o cómic á rúa peonil do Calvario están Fernando Llor, Félix Rodríguez e Melo, xerente da librería Banda Deseñada. Casualidade ou non, Miguelanxo é un dos convidados estelares do evento. Llor apunta: «Para a gran maioría dos autores galegos, Viñetas desde o Atlántico é un referente absoluto; sen a súa existencia moitos de nós non seriamos o que somos hoxe». Deixando a un lado a triste nova sobre o salón da Coruña, o organizador destaca a boa acollida da primeira edición da feira de Vigo: «Foi moito mellor do que se esperaba, cun ambiente moi bonito e acolledor. As exposicións funcionaron moi ben. Ao remate do o festival, varios institutos contactaron connosco para levalas aos centros».
Alén das que poida levar a tinta chinesa, a gran mancha negra do mundo da banda deseñada é o aspecto económico. Como acontece noutros ámbitos culturais, o amor á arte eclipsa moitas veces unha paisaxe de precariedade. «A situación é moi heteroxénea, pero penso que hai algo común para todos: o cómic non dá para vivir», comenta Fernando Llor, escritor da obra Subnormal, debuxada polo tamén vigués Miguel Porto, unha historia de acoso escolar que tivo boa acollida no ámbito estudantil. Con medio século de traxectoria, Pepe Carreiro coincide con esta visión: «Hai xente que está a vivir disto, pero traballando para fóra de Galicia e mesmo de Europa. A miña experiencia e a doutros colegas é que os debuxantes facemos un pouco de todo para vivir minimamente ben con isto: ilustracións para contos e libros de texto, publicidade, deseño gráfico… Vivir exclusivamente do cómic é bastante complicado», amplía. Álex Cal opina sobre isto: «A incipiente industria do cómic estatal prefire mercar material estranxeiro e traducilo antes que fomentar a publicación de autores nativos, con honrosas excepcións como a do ourensán David Rubín, cuxas obras gozan de moito éxito».
Ademais do tema monetario, Cal sinala como parte da problemática as datas de entrega e a planificación dos proxectos. «Máis que o propio medio, son as situacións laborais as que acaban por queimarte», lamenta. Por último, o debuxante menciona un tema cada vez máis presente na nosa sociedade, que cos anos quizais acabe afectando este e outros sectores: «Como non se acoute a cuestión das intelixencias artificiais, non se pode descartar que Marvel en vinte ou trinta anos publique cómics prescindindo de autores físicos», finaliza. Esperemos que as máquinas non nos deixen sen a hora do bocadillo.
Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024