VIALIA
PLAYDOC

Coidar de nós… e dos nosos: Centro Raíces e Kenguru

Dentro desta espiral de produtividade, responsabilidades e quefaceres varios na que as veces estamos sumidos, é importante sacar tempo para cuidar de nós mesmos e dos que nos rodean. Traemos dúas propostas para gozar dese tempo de calidade en soidade ou en compañía: Centro Raíces e Kenguru.

Centro Raíces: unha conexión co interior

Contando cunha grande experiencia como monitora de taichí en diferentes centros, Ángeles Cristóbal decidiu abrir o seu propio local en setembro de 2022. Alén das clases, o Centro Raíces alberga outras disciplinas afíns que teñan nos exercicios de movemento consciente a  característica principal. «Son disciplinas que traballan o estado interior a través do movemento exterior», explica a mestra. Así, atopamos clases regulares de taichí, Chi Kung, meditación, masaxe Shiatsu e ioga (nas variantes Hatha e Kundalini), e consultas baixo cita previa de reflexoloxía ou terapia craniosacral biodinámica. Todo o equipo que forma Raíces está formado por mulleres. Outro dos puntos destacables é a posibilidade de alugar este espazo para realizar charlas, obradoiros ou terapias. Situadas na zona de Bouzas, as instalacións apóianse nos principios do Feng Shui, que se serven de mobiliario mobiliario sinxelo e desprazable, chan de madeira e aproveitan a luz natural que entra polas fiestras desde a primeira hora da mañá.

REVISTA ABRIL

Rúa de Tomás A. Alonso, 162, 2.º of. 7 | 886 30 50 67 | @tucentroraices | tucentroraices.com | tucentroraices@gmail.com


Kenguru: un espazo para a familia

Hai ano e medio que Nacho e Milla Carballido se converteron en pais, e foi entón cando botaron en falta un espazo que aglutinase diferentes tipos de actividades para meniños, proxenitores ou mesmo mulleres embarazadas. Puxéronse mans á obra e crearon Kenguru, que desde o pasado mes de outubro ofrece diversas actividades, obradoiros e cursos desde o concello de Mos. «Eliximos este lugar porque é moi accesible desde Vigo, Tui, Redondela, Ponteareas ou O Porriño», asegura Milla, malagueña de orixe finés. Están a habilitar unha nave (que confían abrir en poucos meses) na mesma avenida en que teñen a sucursal actual, que contará con piscina, spa para bebés, sala de xogo libre para familias e moito espazo para realizar todo tipo de actividades para nenos e maiores: baile, charlas formativas, inglés para cantar e xogar, ioga, música, pilates, psicomotricidade… «Pensamos que é moi importante que os adultos pasemos tempo cos nosos nenos, lonxe das pantallas, e que durante as clases se fagan as actividades xuntos», engade a emprendedora.

Avenida do Rebullón, 22 (Mos) | hola@kenguru.es | 698 12 70 66 | kenguru.es | @kenguru_espaciofamiliar

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.