CAMELIAS MASCOTAS

Ciencia e cervexa: volve o festival Pint of Science

Pint of Science (PoS) 2022, o festival de divulgación científica que propón un encontro entre os investigadores e o público nos bares, chega os días 9, 10 e 11 de maio a Vigo. Este ano terá lugar no recén estreado Cañaveral, situado na céntrica Porta do Sol. O corpo humano, a sociedade e o noso planeta son algúns dos temas que poderemos catar acompañados dunha rica cervexa.

Vigo arrinca o seu Pint of Science tendo como protagonista ao corpo humano. Nuria Estévez, científica do CINBIO, falará da “Microbiota: algo máis que microorganismos” e do seu papel fundamental na nosa saúde e no noso día a día. A continuación, a obesidade será o tema central que abordará o catedrático de endocrinoloxía da Universidade de Vigo, Federico Mallo, na súa charla “Homo Obesus”.

O martes, toca a quenda da nosa sociedade e para iso contaremos con Belén Varela, docente na Universidade de Coruña, que nos falará de psicoloxía para gañar produtividade e saúde laboral: “A ciencia do bo traballo”. A continuación, Gonzalo Álvarez Jurado, catedrático de Xenética na Universidade de Santiago, unirá historia e xenes na súa charla “O feitizo xenético dos Austrias”: analizando as consecuencias da elevada consanguinidade que tanto marcaron a esta dinastía.

REVISTA NOVEMBRO

O terceiro día de Pint of Science tratará sobre o planeta Terra. Jesús Souza Troncoso, Catedrático de Ecoloxía e Bioloxía da Universidade de Vigo, achéganos ao Océano Antártico para coñecer a súa diversidade e como se investiga nunha zona como esta. Pecha o evento Tito Peleteiro, científico do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, analizando as diferenzas entre o peixe de crianza e o peixe de extracción e derrubando falsos mitos na súa charla: “Peixe de crianza? Si,Grazas!”.

BAR CAÑAVERAL – Praza Porta do Sol, 6

Luns 9
20:00h Microbiota: algo máis que microorganismos – Nuria Estévez Gómez
21:00h Homo obesus – Federico Mallo Ferrer
Martes 10
20:00h A ciencia do bo traballo – Belén Varela
21:00h HISTORIA E XENES: O Feitizo Xenético dos Austrias – Gonzalo Álvarez Jurado
Mércores 1
20:00h Extra, Extra, achamos un molusco xigante na Antártida: Diversidade bentónica nun mar xeado. – Jesús Souza Troncoso
21:00h Peixe de crianza? Si, grazas! – Tito Peleteiro Alonso