A arte da cervexa
Xa levamos uns cantos anos asistindo a emerxencia, a consolidación e o crecemento de moitas marcas de cervexa artesá co selo do país. Como non podía ser doutro xeito, área de influencia de Vigo é un lugar de referencia nesta aspecto, contando con bares e tendas especializadas, alén dunha importante cantidade de marcas que pouco a pouco se van asentando no mercado e nos padais dos consumidores. Produtos da terra elaborados artesanalmente, con calidade e respecto polo medio ambiente, son algunhas das características que nos brindan as seguintes iniciativas cervexeiras.
Cervexa Nós
Hai unha década que Raúl Villares, un dos fundadores de Cervexa Nós xunto con Xulio Rodríguez, comezou nisto da fabricación de cervexa caseira (homebrew) como afección. Máis tarde decidiría deixar o seu emprego para converter esa paixón no seu novo traballo. «O gran problema que temos as marcas pequenas son os contratos de exclusividade que teñen as grandes cervexeiras, que nos impiden vender en bares, restaurantes e demais», laméntase Raúl, que ademais sinala que non só é un inconveniente para eles, senón para o público, «que non pode gozar de máis variedade». Sobre isto, resulta curioso como nos últimos anos, co auxe da cervexa artesanal, as grandes marcas optaron por ofrecer produtos nesta liña […]
Onde degustar: Nas dúas cervexerías da marca, sitas na rúa de Fisterra 1e na rúa da Palma 3, ademais de en ducias de locais espallados pola cidade.
Cervezas Silvestres
Con sala de máquinas en Brewing Records, na rúa de Martín Codax, atopamos Cervezas Silvestres, segundo paso de Borja Carvajal no mundo da cervexería artesá, tras Vacaloura. Atopou a inspiración vivindo no estranxeiro, en concreto no Canadá, onde os seus coñecidos facían cervexa na casa. A marca foi medrando ata o punto de contar con dous puntos de venda propios, en Vigo e Pontevedra, e cun equipo de máis de dez persoas. Borja opina que hai espazo para todas a marcas, «pero está claro que para as pequenas a convivencia resulta máis dura». Cunha decena de referencias cervexeiras e unha serie de proxectos paralelos como Luthieres, Beer Packers, Cervexa 360º e É do pais, Borja resume a filosofía da marca na cooperación: «a nosa idea sempre foi crear lazos fortes entre todos os puntos cos que temos relación, desde os provedores ata os clientes, fortalecendo así a economía circular». Na actualidade as súas inquedanzas levaron e esta xente de volta ao campo de novo, onde buscan cultivar o seu propio cereal e desenvolver un proxecto de horta para abrir unha liña de novos fermentados […]
Onde degustar: En Brewing Records e cada vez máis presente en locais e tendas da cidade.
Irmaos de lei
Aínda que xa se puidese catar antes nalgunha feira, a presentación oficial de Irmaos de lei foi o pasado mes de decembro. A iniciativa naceu catro anos atrás, cos curmáns Carlos Alberto e Pablo preguntándose como se fai tan prezada bebida. Comezaron a experimentar cun pequeno kit de elaboración caseira levando a cabo varias receitas e, despois da boa acollida nalgunhas feiras especializadas, decidiron crear a marca. Considéranse «cervexeiros nómades», xa que levan estas receitas creadas na casa para a súa elaboración unha fábrica regulamentaria. Na liña dos seus colegas artesáns, os subprodutos xerados na elaboración das súas cervexas son utilizados como fertilizante ou como penso para animais, sendo un exemplo perfecto de reutilización e respecto polo medio. Na actualidade contan cunha referencia no mercado, mais manteñen na recámara un trío de receitas xa preparadas que agardan poder ir presentando ao longo do ano. […]
Onde degustar: En Brewing Records, nas cervexerías Nós e no restaurante Celme galego.
Menduíña
Temos que cruzar a ría ata a comarca do Morrazo para encontrar nunha gran finca arborada de Cangas unha das pioneiras nisto da cervexa artesá. Pero foi do outro lado do Atlántico onde Alberto Fernández encontrou a inspiración, en concreto na Arxentina. Anos máis tarde decidiu probar sorte na súa terra natal e, despois dun longo período de investigación e formación, no 2008 nace Menduíña. «Como pioneiro en Galicia, batín cunha manchea de obstáculos á hora de constituír a empresa e montar a bodega, dado o descoñecemento case total da administración pública» comenta o emprendedor, reiterando que os comezos non foron doados: «Eramos un negocio pequeno intentando abrir un carreiro nun mercado totalmente controlado por enormes empresas multinacionais que non estaban dispostas a ceder nin un milímetro do seu terreo a ninguén». Con todo, Menduíña leva anos sacando ao mercado diferentes produtos da súa liña, pero é fóra de Galicia onde a marca fai a gran maioría das súas vendas, «o que é unha mágoa, xa que somos os máis galardoados en campionatos internacionais», apunta Alberto. O proceso de elaboración, marcado polo calendario lunar, destaca polo purismo das técnicas utilizadas […]
Onde degustar: Nunca falta nas cervexerías Nós e tamén a serven na bocatería Lareca entre outros establecementos da cidade.
Onde catalas
Brewing Records (rúa de Marín Codax, 8)
O lar de Cervezas Silvestres é un punto de referencia para os cervexeiros na nosa cidade, na que ademais de degustar a gran variedade de bebidas que serven, podemos amenizar os nosos grolos con catas gastronómicas, concertos e sesións de picadiscos.
Nós (rúa de Fisterra, 1 e rúa da Palma, 3)
Nas cervexerías de Nós atopamos un microparaíso cervexeiro onde que probar todas as variedades da marca entre outras, onde tamén podemos gozar de música en directo. Ademais, de cando en vez organízanse catas e visitas na súa fábrica, no Polígono Industrial Seixiños, en Beade.
Mr. Moch (rúa dos Irmandiños, 15)
O máis novo dos locais deste tipo ten unha decoración deseñada e feita á medida polo seu rexente, Yako, e cómpre botarlle unha ollada devagar: un skyline de Vigo feito en madeira, lámpadas e outros elementos ornamentais feitos con pezas de BMX, a maqueta dun navío feita por seu pai, o aseo cheo de debuxos de tatuadores de todo o Estado… ademais dunha gran selección de cervexas artesás que muda semanalmente.
Por Pablo Vázquez
[ Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de febreiro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024