REVISTA OUTUBRO

Chin-chin

Chegou a época en que se pode levantar a copa con máis soltura que o resto do ano. Se queremos que os nosos brindes teñan un aire distinto e fuxir, non moi lonxe, da clásica copa de viño ou de cervexa industrial, velaquí traemos catro ideas made in Galicia.

Finca Monteveiga, albariño de Mar de Frades

Mar de Frades, a bodega das botellas azuis, convídanos a degustar un novo lanzamento: Finca Monteveiga, o primeiro albariño da bodega nado na ribeira do Ulla. O laborioso e coidado proceso comezou coa plantación das viñas en 2003; despois de anos de crecemento e 15 meses de crianza, tanto en barrica como en botella, por fin, ve a luz a primeira anada de tan esperado caldo.

As viñas nacen en outeiros de mediana altura á beira do río, en plantacións extensivas, mergulladas a diario na néboa do val e sacudidas pola brisa que chega desde o Atlántico. O resultado é un viño moi aromático no que mesmo se pode percibir a salinidade do mar. Un sabor que conquista con elegancia e frescura. Unha paisaxe embotellada da que nada máis que existen 2.700 unidades.

mardefrades.es| @mardefrades

La Fabulosa, vermú galego

Doce, amargo ou aromático, o vermú conquista as papilas gustativas, especialmente con algo apetitoso para amenizar a espera ata o xantar. Os vermús de La Fabulosa están elaborados seguindo unha receita tradicional de 1914. Para o branco, utilízanse viños godello e sauvignon blanc, que veñen de repousar en barricas de madeira xunto a herbas aromáticas e especias: artemisa, canela, herba luísa, maiorana, salvia e vainilla. Por outra banda, o vermello leva entre outros ingredientes aromáticos, ademais de coincidir na vainilla: cravo, laranxa e xenxibre.

O resultado é un licor con moito corpo e sabor potente que perdura na boca despois de bebelo. Desfrutalo só cunha rodeliña de laranxa ou limón é a opción máis clásica, pero desde a bodega suxírennos combinacións como o vermú con tónica ou como o vermujito, un cóctel que combina vermú branco e vermello con lima e saramago.

Os produtos de La Fabulosa, entre os que tamén destacamos os espumosos branco e rosado moi oportunos para estas datas, pódense adquirir na web e en tendas gourmet e grandes superficies.

lafabulosa.es | @vermutlafabulosa

Labrega, cervexa artesá de Irmaos de Lei

Cuñados, socios e, ante todo, grandes afeccionados á cervexa. Pablo Fontán e Alberto Mosquera empezaron a producir os primeiros litros da súa bebida preferida por diversión, pero axiña caeron na conta de que ese pasatempo tiña un futuro comercial. En 2018 sacaron ao mercado Apaixonante, unha clásica american pale ale (APA), lixeiramente torrada, pero moi fresca e cun toque floral. Despois chegaron
Engatadeira, unha India pale ale (IPA) con moita carga de lúpulo que lle confire un carácter potente, aromático e resinoso; e a Labrega, unha homenaxe á xente do campo que combina o estilo belga cunha carga extra de lúpulo para acadar un resultado máis moderno e tropical.

Podemos brindar coas cervexas artesás de Irmaos de Lei pedíndoas a domicilio a través da web ou achegándonos á cervexería Leira, no número 12 da rúa de Teófilo Llorente. Ademais, disponse dun o pack premium, coas tres cervexas e un abrechapas de madeira, que é un regalo perfecto para calquera amigo cervexeiro. Podémolo atopar na web.

irmaosdelei.gal | @irmaosdelei

Lola Espumoso, brut da bodega Paco & Lola

A bodega coñecida en medio mundo polas súas botellas de lunares remata o ano brindando con Lola, o primeiro espumoso da marca. Como os seus viños, este brut está feito en Galicia con uva albariña das vides do Val do Salnés, propia da denominación de Orixe Rías Baixas. 

Lola elabórase mediante o método tradicional de segunda fermentación en botella ou champenoise: engarráfase o viño engadindo azucre e lévedos, deixándoo en rima cun mínimo de 9 meses de contacto coas lías nas botellas en posición horizontal. No caso do espumoso Lola a rima é mais prolongada, de mínimo 24 meses. Así conséguese unha mellor integración das burbullas, máis pequenas e cremosas, e aromas terciarios que recordan a pastelería, froita confeita e flores secas.

O resultado é un espumoso con matices florais e lixeiro sabor a froitos secos, que pode traer un recordo a mazapán nun contexto de burbulla fina e fresca. Para podelo catar, recomendamos ir bulindo á web, pois están á venda as últimas botellas deste elegante elixir.

A etiqueta de LOLA foi deseñada no estudio cambadés de Marta Lojo, consolidado como un referente no deseño de etiquetas de viño. Kike López, director creativo do estudio, pon de manifesto con este deseño a importancia de cada detalle e plasma na etiqueta de LOLA a elegancia do primeiro espumoso da cooperativa. 

pacolola.com | @paco_lola

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.