Cervexaría Leria, irmandade de lei
A cervexaría Leria acaba de gañar o VIII Concurso de tapas Petisquiño co prato Xema na fraga. O local, unha das últimas aperturas do Casco Vello, está especializado en cervexa artesá, ten cociña aberta de martes a domingo e menús especiais para grupos de Nadal.
Botar a lingua a pacer enxaugándoa cunha boa cervexa artesá é a proposta de Leria, o novo proxecto hostaleiro de Pablo Fontán e Alberto Mosquera, creadores do selo vigués de cervexa artesá Irmaos de Lei, sumándose Borja da Silva ao negocio. Leria acaba de ser proclamado gañadora da oitava edición do concurso de tapas Petisquiño, cunha creación da súa cociñeira, Ana Vilar, bautizada como Xema na fraga. O prato está composto por unha cama de cogumelos, xema de ovo curada e tella de oliva negra e destaca pola variedade de sabores e o contraste de texturas, ademais de por unha vistosa posta en escena.
Cociña aparte, oito billas con cervexas artesás, tando de Irmaos de Lei como convidadas, e medio cento de referencias en botella e lata, que se van cambiando e actualizando constantemente son bos argumentos para se achegar ao local. A variedade fai que poidamos probar desde opcións máis convencionais ou que nos atrevamos a degustar grolos con con carga extra de lúpulo, cervexas elaboradas con mango ou café e tragos máis fortes de ata 9º de alcohol.
Se o mundo das IPA, APA, Lager e compañía soanos a chinés, detrás da barra atoparemos o asesoramento preciso para dar co estilo que máis se adapte aos nosos gustos e iniciarnos no mundo da cervexa artesá. Tamén se ofrece a posibilidade de facer unha cata de catro variedades co asesoramento do persoal. «A nosa vocación é a de ter birra para todo o mundo, tanto en sabor como en prezos; estamos en contra da cervexa como produto para elites, cousa que se ve noutros sitios», comenta Fontán.
O que diferencia esta cervexería doutras que hai na cidade é a aposta por ofrecer pratos elaborados que redondean a experiencia. Uns mexillóns con mollo de chile afumado, un taco de rabo de touro ou un strogonoff de cogomelos poden ser grandes compañeiros da bebida dourada.
Pensando nas reunións grupais do Nadal, ofrécennos dous menús, por 20 ou 30 euros, formados por pratos que non teñen na carta de xeito habitual, como o pan bao, as croquetas de polbo ou as ameixas á mariñeira, incluíndo a bebida. As reservas son de oito persoas como mínimo.
@leriacervexaria | rúa de Teófilo Llorente, 12 | martes a xoves, das 18:00 ás 23:30 h; venres, das 18:00 á 1:00; sábado, das 12:00 ás 15:00 e das 18:00 á 1:00; domingo, das 12:00 ás 23:30.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024