Catro martes de abril para catro días de ópera
Un director que chega a París para dirixir “Tannhauser” ; os testemuños de Marylin Monroe, Jhon F Kenedy ou Churchill sobre a cantante María Callas; unha historia de amor entre un diplomático francés e unha estrela da ópera ou un público que asiste ao espectáculo dunha diva soamente para verificar se son reais os rumores do seu pouco talento. Estas son as tramas sobre as que xiran as catro películas do quinto Ciclo de Cine e Ópera, organizado, unha vez máis, polo Concello e e pola Asociación de Amigos da Ópera de Vigo.
A iniciativa está aberta, de xeito gratuíto, a aquelas persoas que desexan achegarse a este xénero musical a través do sétimo arte. Así, as e os asistentes visionarán todos os martes de abril un filme, en versión orixinal e con subtitulación en español, que versa, principalmente, sobre o mundo da ópera. As proxeccións serán no Auditorio Municipal do Concello ás oito da tarde a partir do día 9 deste mes ata o 30.
Meeting Venus é a encargada de inaugurar a quinta edición deste ciclo. O filme narra a aventura dun director que chega á capital francesa para dirixir a obra Tannhauser a pesar das trabas que lle impoñen os sindicatos, os propios cantantes e a diva Karin Anderson. Unha película dirixida por István Szabo.
Persoeiros como John F. Kennedy, Churchill ou Marilyn Monroe tomarán o escenario do Auditorio Municipal do Concello o segundo martes do mes de abril coa proxección do documental Maria by Callas. Trátase dun filme no que figuras relevantes do ámbito internacional testemuñan sobre a vida persoal e profesional de María Callas con apartacións, tamén, da propia artista.
A penúltima proxección é M Butterfly, a historia baseada en feitos reais sobre a relación entre un diplomático francés e unha estrela do mundo da ópera. Finalmente, o filme protagonizado por Meryl Streep, Florence Foster Jenkins, pecha a quinta edición do Ciclo de Cine e Ópera.
Eva M. Porto
Últimos posts de Eva M. Porto (ver todos)
- Pablo Rodríguez: «En Madrid vendeuse máis en galego que en castelán» - 11 Maio, 2020
- Ana Fontenla: «Hai moita calidade na literatura galega, creo que é unha bomba que vai estoupar» - 11 Maio, 2020
- Mónica Bernández e Miguel Lima: «O galego fai barrio e o barrio fai galegofalantes» - 11 Maio, 2020
- Miss Toxo, 50% haterismo e 50% feminismo - 16 Maio, 2019
- Coruxo Móvese pola inclusión - 7 Maio, 2019