REVISTA ABRIL

Catro por catro

Na contorna de Serra de Outes, grazas a Lucinda e José Manuel, a Casa do Zuleiro converteuse no que é hoxe: unha xenuína casa de turismo rural tan demandada polos hóspedes que hai un tempo que quedou pequena. Por iso decidiron renunciar ao uso particular doutra vivenda que posúen e poñela á disposición de quen busque relax. Así, en novembro de 2020, naceu Luz de Viro: unha casa de turismo rural que conta con catro apartamentos —Alborada, Serán, Solpor e Luscofusco—, ideais para unha fuxida á calma e á desconexión. A comodidade e mais a tranquilidade son os puntos fortes do aloxamento, no que non se admiten nenos.

O segredo de Lucinda e José Manuel para lograr un destino perfecto baséase nas enquisas que durante meses lles fixeron aos visitantes da Casa do Zuleiro. Preguntáronlles como mellorarían a estancia, que botaban en falta e que soñarían con ter nun aloxamento destas características. Combinaron as respostas coas propias arelas, o mimo e traballo implicados, e o resultado son os catro espazos que conforman Luz de Viro. Catro apartamentos; diferentes, pero coas mesmas comodidades: albornoces, aparcadoiro, cociña práctica, estufa de leña, jacuzzi, televisor intelixente con Netflix, unidade de tratamento de aire, wifi… Absolutamente todo o necesario para entregarse ao gozo e ao descanso. Tamén contan con servizo de masaxes no dormitorio e con catro kits —Degustación, Cinema, Romántico e Erótico— para facer a estadía aínda máis inesquecible.

REVISTA ABRIL

Unha experiencia especialmente recomendada para parellas que poden gozar dunha lúa de mel nestes apartamentos, desde os que se pode encargar comida a diversos restaurantes da zona. As reservas para estas noites inclúen o almorzo cun incrible bufete no comedor da casa, pero os responsables saben que a maxia que se crea no espazo impide querer saír do apartamento e ofrecen a opción de achegar os almorzos aos cuartos.

Unha noite en Luz de Viro sabe a pouco, pois do bo sempre se quere máis. Para todas as parellas que non queiran saír do apartamento ao primeiro, pero que logo queiran coñecer un emprazamento único percorrendo e descubrindo a zona e os arredores da contorna, a espectacular ría de Muros e Noia, hai unha oferta especial: cando a reserva supera as tres noites, ofréceselles aos clientes 20 euros de desconto en cada noite de aloxamento. Os apartamentos pódense reservar coa tarxeta turística #QuedamosEnGalicia, válida durante todo o mes de Nadal. Se non sabes que regalar nestas datas, que mellor que facelo con pracer, paz e tranquilidade?

Guada Guerra
Redactora