Carabuñas – Selección de delicias artesás
Que mellor que regalar produtos galegos de primeira calidade para encher as nosas mesas nestas festas e gozalos en familia? Non tes que buscar máis, porque con Carabuñas xa é posible.
Unha «carabuña» é unha semente da que, tras tempo e dedicación, agromarán plantas novas que darán os seus froitos. Coa mesma forza que esta árbore que nace, Eva e Nelson, «Os do Sabugueiro», iniciaron o seu proxecto en 2012, cando empezaron a experimentar e elaborar receitas coas flores e as bagas do sabugueiro. Era unha árbore que coñecían ben porque está moi presente en Galicia, pero ao mesmo tempo era unha especie totalmente descoñecida no mundo da cociña e o sector alimentario. Estas dúas mentes pensantes decidiron innovar e o sabugueiro converteuse no seu selo indiscutible e en parte da súa historia.
Na súa andaina como marca, Carabuñas (www.carabunhas.com) trata de respectar e valorar a súa contorna, desenvolvendo o seu traballo en Vilar de Santos, unha zona declarada Reserva da Biosfera Área de Allariz pola Unesco. As catro liñas de actuación en torno ao sabugueiro, alimentación, investigación, cultivo e cultura, toman forma nesa paraxe ancestral. Non se nos ocorre un sitio mellor para poñer en valor os recursos naturais, dar unha volta á tradición e sumar na sustentabilidade do rural galego. Desde aí, os produtos de Carabuñas chegan hoxe a fogares, tendas, bares e restaurantes de toda Europa. Nin máis nin menos!
Investigando sobre as nosas tradicións e sobre a vangarda culinaria, estes dous galegos comparten connosco o seu gran resultado: produtos de alta calidade, elaboracións gourmet e receitas artesanais. Queres algún exemplos?: marmeladas, cervexas e infusións que contan coa certificación ecolóxica do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), licor de sabugueiro elaborado de forma artesanal, bombóns de exquisito praliné, cervexas ecolóxicas, infusións antiinflamatorias, antivirais e depurativas e ata produtos veganos da mellor calidade.
A estas alturas quererás probalo todo, así que nestas festas triunfarás seguro con esta caixa chea de produtos galegos de primeira calidade (83,00 €) faille fronte a calquera cesta de empresa… e non hai que ir ao choio por ela! Nesta selección de delicias elaboradas artesanalmente temos todo o necesario para unha noiteboa ou para unha boa noite calquera: galletas, queixo, licor, marmelada, viño… e moitas máis delicatessen. Para cociñar coma chefs e comer coma reis!
Web: www.carabunhas.com
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024